A Xunta reunirá este venres en Santiago á administración, concellos e profesionais do sector na I Xornada de Impulso da Vivenda Protexida en Galicia | Observatorio de Vivenda

A Xunta reunirá este venres en Santiago á administración, concellos e profesionais do sector na I Xornada de Impulso da Vivenda Protexida en Galicia

A Xunta reunirá este venres en Santiago á administración, concellos e profesionais do sector na I Xornada de Impulso da Vivenda Protexida en Galicia

A Xunta celebrará este venres, 15 de maio, a I Xornada de Impulso da Vivenda Protexida en Galicia, un foro de traballo e análise que reunirá a máis de 200 asistentes na Cidade da Cultura de Santiago, entre responsables e técnicos da Administración autonómica, representantes municipais e profesionais do sector da vivenda co obxectivo de avanzar nas medidas destinadas a incrementar a oferta de vivenda protexida na Comunidade.

A xornada, que terá lugar no edificio CINC da Cidade da Cultura, en Santiago, comezará ás 09.30 e contará ao longo da mañá con distintas mesas de debate centradas na simplificación da normativa administrativa, o desenvolvemento de solo residencial, a colaboración co sector e cos concellos e o impulso da construción industrializada.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, destaca a importancia desta xornada, que versará sobre as novas medidas de axilización normativa, no desenvolvemento de solo residencial e na colaboración público-privada para acelerar a construción de vivenda protexida.

O primeiro dos bloques, baixo o título “Axilización e flexibilización para o impulso da vivenda. Modificacións normativas: menos diagnóstico e máis instrumentos reais”, analizará as medidas impulsadas pola Xunta para reducir tempos e facilitar a execución de proxectos de vivenda protexida. A mesa estará moderada polo secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, e contará coa participación da subdirectora xeral de Coordinación e Planificación da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo, Julia Paz Fernández-España; do xefe do Servizo da Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación do IGVS, Martín Cerreda; e do director técnico de Construción e Calidade do IGVS, Ricardo Valencia.

Ás 10.45 horas, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, ofrecerá unha ponencia centrada nas medidas tributarias impulsadas pola Xunta en favor da vivenda.

Xa ás 11.30, a programación continuará coa mesa dedicada ao “Desenvolvemento de solo residencial para vivenda protexida. Da norma á obra”, moderada por Heriberto García Porto, na que se presentarán os distintos PIAS promovidos pola Xunta en cidades galegas. Intervirán o xefe da Oficina Técnica de Solo do IGVS, Alberto Feijóo Rodríguez; e os proxectistas Javier Rivas, Álvaro Fernández Carballada, Ángel Luis Monteoliva Díaz e José Alonso Carrasco

Tamén se presentará a Plataforma de Solo, unha nova ferramenta posta ao dispor dos concellos, para que poidan concursar solo da súa titularidade co apoio do IGVS. Neste caso a intervención  corre a cago do director técnico de solo residencial do IGVS, Joaquín San Martín Zamacola.

A continuación, desenvolverase a mesa sobre “Colaboración e cooperación co sector e cos concellos”, moderada tamén por Heriberto García Porto e coa participación da secretaria xeral do IGVS, Marián Domínguez Franjo, e da directora técnica de Axudas á Vivenda, Beatriz Villaverde Piñeiro.

Xa no tramo final da xornada abordarase o “Plan de Impulso da Construción Industrializada. Mapa de capacidades”, unha mesa centrada nas oportunidades da industrialización aplicada á vivenda e na capacidade produtiva do sector en Galicia. Participarán Heriberto García Porto e o xerente do Clúster da Construción de Galicia, Pablo Vázquez.

A programación completarase pola tarde, entre as 16.00 e as 18.00 horas, con dous talleres técnicos centrados nas novas medidas de axilización e simplificación en materia de vivenda e no reforzo da colaboración público-privada.

Fonte.- Xunta de Galicia