A Xunta ten aberto o prazo da Oferta Pública de Adquisición de locais en Ourense para transformalos en vivendas de promoción pública en alugueiro da Xunta | Observatorio de Vivenda

A Xunta ten aberto o prazo da Oferta Pública de Adquisición de locais en Ourense para transformalos en vivendas de promoción pública en alugueiro da Xunta

A Xunta ten aberto o prazo da Oferta Pública de Adquisición de locais en Ourense para transformalos en vivendas de promoción pública en alugueiro da Xunta

O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, reuniuse esta mañá con representantes da Asociación de Construtores de Ourense (ACO), Colexio de Administradores de Fincas de Galicia (COAFGA), Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Ourense (COATOU), Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (delegación de Ourense) e da Asociación de Empresas Inmobiliarias de Galicia (ASEMI) para informalos que ata o vindeiro 1 de maio está aberto o prazo para a presentación de solicitudes da Oferta Pública de Adquisición (OPA) de locais en Ourense para transformalos en vivendas de promoción pública en alugueiro.

Manuel Pardo, acompañado da directora Territorial en Ourense da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e técnicos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), lembrou que a Xunta destina 2 millóns de euros a esta iniciativa piloto na cidade ourensá para incrementar o número de vivendas públicas a través da adquisición de locais sen uso situados en baixos ou entreplanta de inmobles de uso residencial na trama urbana da cidade que teñan un bo estado de conservación e que estean libres de cargas.

Nesta liña, o delegado territorial salientou que, ademais, cada local deberá permitir a construción de polo menos unha vivenda que terá que cumprir as condicións exixidas pola normativa en materia de edificación e de habitabilidade. Así mesmo as ofertas que se presenten poderán incluír tamén unha praza de garaxe ou rocho por vivenda resultante.

O representante do Goberno galego explicou que o IGVS realizará unha taxación dos locais que seleccione entre os que lle sexan propostos e fará unha oferta económica pola contía que resulte máis baixa entre a oferta do propietario, o valor de taxación ou o valor resultante de aplicar os prezos indicados nos parágrafos anteriores.

Tamén sinalou, que no caso dos locais que finalmente adquira, o IGVS pagará, ademais do prezo destes, os gastos derivados dos honorarios dos profesionais que interveñan na elaboración da documentación técnica e/ou na realización dos trámites administrativos necesarios para participar nesta oferta pública, “ata un máximo de 1.500 €".

Iniciativas para o acceso a vivenda

O delegado territorial destacou que esta medida é unha iniciativa máis da Xunta para seguir facilitando o acceso da cidadanía á vivenda. Deste xeito, lembrou que este ano se sumarán outras medidas para aumentar o parque público de vivenda: incrementando a edificabilidade, permitindo a construción de vivenda pública en solos dotacionais e multiplicando por 3 as axudas a promotores e cooperativistas para a execución de vivenda pública.

Salientou tamén que todas estas medidas desenvolveranse grazas aos Orzamentos de 2026, unhas contas que permitirán seguir construíndo vivenda protexida, rehabilitando e avanzando no desenvolvemento de solo residencial.

Neste marco, Manuel Pardo puxo o acento na cidade Ourense, onde a Xunta está a construír en Cambedo de Raia 64 vivendas de promoción pública, e subliñou o proxecto do PIA do Escorial-Vinteún, presentado na semana pasada pola titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, onde se contemplan 1.435 vivendas e máis de 45.000 metros cadrados de espazos libres e verdes cun investimento inicial da Goberno galego de 13,5 M€.

E lembrou a construción dun edificio de promoción pública para 12 vivendas en San Cibrao das Viñas situada na Urbanización Gonoba, concretamente na rúa do Falcón, nunha parcela de 470 metros cadrados cedida polo concello e no que a Xunta vai investir 2,3 M€.

Fonte.- Xunta de Galicia