A Xunta xa abonou o 100% das 188 achegas concedidas este ano para adquisición de vivenda protexida e en centros históricos e ampliará este mes de xullo o crédito en 2 M€ para atender a demanda da cidadanía | Observatorio de Vivenda

A Xunta xa abonou o 100% das 188 achegas concedidas este ano para adquisición de vivenda protexida e en centros históricos e ampliará este mes de xullo o crédito en 2 M€ para atender a demanda da cidadanía

A Xunta xa abonou o 100% das 188 achegas concedidas este ano para adquisición de vivenda protexida e en centros históricos e ampliará este mes de xullo o crédito en 2 M€ para atender a demanda da cidadanía

A Xunta xa abonou o 100% das 188 achegas concedidas neste 2026 para adquisición de vivenda protexida e en centros históricos e ampliará xa neste mes de xullo o crédito en 2M€ para atender a demanda da cidadanía. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, mantivo un encontro cunha decena das persoas beneficiarias das achegas para compra de vivenda protexida na cidade do Lérez.

Allegue puido coñecer as experiencias de varias persoas que recibiron estas axudas, convocadas polo Goberno galego en abril, cuxo financiamento procede integramente dos fondos autonómicos. Os asistentes recibiron achegas para a adquisición de vivendas protexidas no barrio de Valdecorvos. Hai que sinalar que para o caso de municipios de prezo máximo superior, como é o caso de Pontevedra, estas achegas poden acadar ata 20.000 € no caso de persoas menores de 36 anos, e 16.000 para persoas desa idade ou maiores.

En Galicia concedéronse un total de 129 axudas para compra de vivenda protexida, das que 58 foron na provincia de Pontevedra. No caso das achegas para compra en centros históricos, outorgáronse 59 na comunidade, das que 15 foron na provincia pontevedresa.

No que se refire ao concello pontevedrés, concedéronse 29 axudas para adquisición de vivenda protexida e 2 para as de centros históricos, por unha suma total de 288.000€.

A Xunta xa abonou os 2M€ das concesións destas dúas liñas, que agora se ampliarán noutros 2M€ para atender a demanda da cidadanía. Desta cantidade, 1,7M€ destinarase á liña de compra de vivenda protexida e 280.000€ á de centros históricos. A ampliación farase efectiva neste mes de xullo e o prazo para solicitar estas achegas finalizará o 15 de outubro.

A ampliación de crédito permitirá outorgar as axudas a 89 persoas (51 delas no concello de Pontevedra), que quedaron en lista de espera, se compren os requisitos.

Dotación

Ademais de Pontevedra, A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, e Vigo son os outros municipios de prezo máximo superior onde as axudas para compra de vivenda protexida poden acadar ata 20.000€ por vivenda, se son adquiridas por persoas menores de 36 anos, e ata 16.000€ se os compradores son de 36 ou máis anos. No caso dos restantes concellos de Galicia, a axuda é de ata 16.000€ para menores de 36 anos, e ata 12.000€ para vivendas adquiridas por persoas de 36 ou máis anos.

No caso das achegas para compra de vivenda en centros históricos, poden acadar ata 10.800 euros, que poden incrementarse ata 12.800 euros no caso de persoas menores de 36 años, e ata 15.000 euros se a vivenda está situada nunha zona declarada como área Rexurbe.

A conselleira destacou o compromiso do Goberno galego para facilitar o acceso á vivenda, e lembrou que estas achegas son compatibles cos avais da Xunta para cubrir o 20% do aval hipotecario para mercar vivenda protexida.

A Xunta ten en marcha neste momento no concello de Pontevedra 306 vivendas de promoción pública, a meirande parte en Valdecorvos.

Fonte.- Xunta de Galicia