Acorde a Fotocasa, a rendibilidade media da vivenda na Coruña sobe un 1,2% na última década | Observatorio de Vivenda

Acorde a Fotocasa, a rendibilidade media da vivenda na Coruña sobe un 1,2% na última década

Acorde a Fotocasa, a rendibilidade media da vivenda na Coruña sobe un 1,2% na última década

O rendemento de mercar unha vivenda e poñela en alugueiro na cidade da Coruña incrementouse nun 1,2% nos últimos dez anos. No ano 2014, a rendibilidade situábase no 3,3%, mentres que en 2019 ascendeu ata o 4,3%. Segundo os datos recentes do portal inmobiliario Fotocasa, nos dous últimos anos, 2023 e 2024, o rendemento aumentou ata o 4,6% e 4,5%, respectivamente. Comparando cos principais núcleos urbanos de Galicia, A Coruña presenta unha rendibilidade inferior á de Lugo (5,6%), Ourense (5,3%) e Vigo (4,8%), pero supera Santiago (4%) e iguala Pontevedra (4,5%). Destaca especialmente o caso de Ferrol, onde a rendibilidade pasou do 5,1% en 2014 ao 8,1% en 2024.

A nivel galego, a rendibilidade media anual da vivenda pechou o ano 2024 cun 6%, un incremento de 2,1 puntos con respecto a 2014, cando era do 3,9%. O estudo A rendibilidade da vivenda en España en 2024, elaborado a partir da análise dos prezos de venda e alugueiro do pasado decembro, indica que o rendemento do mercado inmobiliario acadou valores históricos. A directora de Estudos de Fotocasa, María Matos, sinala que a rendibilidade é case dous puntos superior á de hai unha década, impulsada polo forte crecemento do prezo do alugueiro, que subiu un 14%, case o dobre do incremento do prezo da vivenda en venda (8,4%). Este fenómeno está a provocar que xurdan novos puntos de alto rendemento en España, alén das zonas tradicionalmente máis rendibles.

Por comunidades autónomas, a rendibilidade da vivenda aumentou en once rexións o ano pasado, situándose en oito delas igual ou por riba da media española, que se fixou no 6,7%. Entre as comunidades con maior rendemento destacan Cataluña e a Rexión de Murcia (7,6%), seguidas pola Comunidade Valenciana (7,3%), Castela e León (7,1%), Aragón (7,1%), Asturias (7,1%), Castela-A Mancha (7,1%) e Navarra (6,8%). Pola contra, Galicia, cun 6%, sitúase por debaixo da media nacional, xunto con Canarias (5,9%), Andalucía (5,8%), Madrid (5,8%) e Baleares (4,6%).

Fonte.- El Ideal Gallego