Cataluña regula os grandes tenedores de vivenda cun novo rexistro obrigatorio | Observatorio de Vivenda

Cataluña regula os grandes tenedores de vivenda cun novo rexistro obrigatorio

Cataluña regula os grandes tenedores de vivenda cun novo rexistro obrigatorio

O 27 de febreiro entrou en vigor o Decreto Lei 2/2025, que obriga ás grandes empresas propietarias de vivenda a notificarlle á Axencia de Vivenda de Cataluña a súa condición de grandes tenedoras para a súa posterior inscrición nun rexistro específico. O obxectivo desta normativa é identificar as vivendas susceptibles de mobilización por parte das administracións públicas para facilitar a súa intervención no mercado inmobiliario. O novo rexistro terá carácter administrativo e dependerá da Axencia de Vivenda, na que deberán inscribirse todas as persoas xurídicas que cumpran cos requisitos establecidos pola Lei 24/2015 e pola Lei 12/2023 en relación co dereito á vivenda. Ademais, os grandes tenedores deberán informar do número total de inmobles que posúen, seguindo os requisitos que establecerá o regulamento pendente de desenvolvemento.

Esta norma tamén amplía o dereito de tanteo e retracto da Administración en zonas declaradas como mercados residenciais tensionados. Así, a Generalitat terá preferencia na compra de vivendas en mans de grandes tenedores cando estas sexan transmitidas, tanto na primeira venda como nas seguintes. Non obstante, quedan excluídas as vivendas de nova construción adquiridas por particulares para uso propio e as que procedan de subastas xudiciais ou administrativas. O avogado especialista en Dereito Inmobiliario, Alejandro Fuentes-Lojo, valora positivamente a medida pola súa contribución á transparencia do mercado, pero considera que a ampliación do dereito de tanteo e retracto pode ser excesivamente restritiva para o sector inmobiliario, dado que existen outras alternativas menos intervencionistas para ampliar o parque público de vivenda.

Fonte.- Idealista