As compravendas de vivendas increméntanse un 14% en febreiro, segundo datos publicados polo INE | Observatorio de Vivenda

As compravendas de vivendas increméntanse un 14% en febreiro, segundo datos publicados polo INE

As compravendas de vivendas increméntanse un 14% en febreiro, segundo datos publicados polo INE

As compravendas de vivendas en España levan xa oito meses consecutivos en ascenso, mantendo niveis que non se vían desde o auxe do mercado inmobiliario previo á crise. Segundo os datos do INE, no mes de febreiro de 2025 rexistráronse 59.682 operacións, o que supón un incremento do 13,9% respecto ao mesmo mes do ano anterior, sendo esta a cifra máis elevada para un mes de febreiro dende 2007.

Este crecemento débese tanto ao dinamismo das vivendas novas, cuxas vendas aumentaron un 21,5% ata alcanzar as 13.933 unidades, como ao das vivendas de segunda man, que tamén medraron un 11,8%, con 45.749 transaccións. A vivenda nova, aínda que representa un 23% do total do mercado, continúa sendo o segmento que máis impulsa o aumento global. Por tipo de vivenda, o 93,3% das operacións corresponderon a vivendas libres, mentres que as protexidas apenas supuxeron o 6,7%. As vendas de vivendas libres creceron un 14,5% interanual, fronte ao 5,6% das protexidas.

Por territorios, o incremento foi xeneralizado en case todas as comunidades autónomas, agás en Navarra, onde as compravendas caeron un 26,7%. Á cabeza do crecemento sitúanse Asturias, A Rioxa e Andalucía, con subas superiores ao 24%. Tamén destacan os incrementos en Cantabria, Castela-A Mancha, Castela e León e Aragón. Pola súa banda, Galicia e a Comunidade Valenciana experimentaron os aumentos máis discretos, cunha suba inferior ao 4%. En termos mensuais, as transaccións baixaron un 1,6% respecto a xaneiro, aínda que o balance do bimestre é claramente positivo.

Fonte.- Idealista