A Xunta acepta declarar a cidade da Coruña como zona tensionada e limitar os prezos de alugueiro | Observatorio de Vivenda

A Xunta acepta declarar a cidade da Coruña como zona tensionada e limitar os prezos de alugueiro

A Xunta acepta declarar a cidade da Coruña como zona tensionada e limitar os prezos de alugueiro

A Xunta vén de dar o seu visto bo á solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado, ao abeiro da Lei de Vivenda estatal. Esta declaración permitirá aplicar medidas como a limitación dos prezos do alugueiro, a imposición de prezos máximos aos grandes propietarios e incentivos fiscais para quen rebaixe as rendas. A decisión da Xunta, que segue o marco legal aínda que critica a súa eficacia, abre a porta para que A Coruña sexa o primeiro municipio galego en aplicar esta normativa, aínda pendente da aprobación definitiva por parte do Goberno central.

Unha vez en vigor, a declaración suporá importantes restricións para o mercado inmobiliario local. Non se poderá subir o alugueiro máis alá do último prezo pactado se se trata dunha renovación, agás que se cumpran condicións como a rehabilitación do inmoble ou contratos de longa duración, que permitirían un incremento máximo do 10%. Ademais, os arrendatarios poderán solicitar unha prórroga extraordinaria dos contratos por ata tres anos, obrigatoria para o propietario, sen modificar os termos do contrato. Os grandes tenedores, definidos como quen posúe máis de dez vivendas ou máis de 1.500 metros cadrados, deberán declarar os seus inmobles e non poderán superar os prezos establecidos polo índice estatal.

Por outra banda, estímase que moitas das ofertas actuais de alugueiro na cidade superan os límites fixados polo índice estatal. A nova normativa tamén contempla bonificacións fiscais: os propietarios que baixen os prezos máis dun 5% respecto ao contrato anterior poderán optar a unha rebaixa do 90% na tributación polos rendementos do alugueiro, fronte ao 50% base. Cando se alugue por primeira vez a persoas de entre 18 e 35 anos, a dedución poderá ser do 70%. O Concello deberá presentar nun prazo de dous meses un plan con medidas concretas e un calendario para afrontar os problemas do mercado da vivenda. Mentres, a Xunta mantén as súas reservas sobre esta intervención, alertando de que podería ter efectos contraproducentes.

Fonte.- La Opinión de A Coruña