Irlanda modifica o tope do 2% na renovación de alugueiros para impulsar a construción de vivendas de obra nova | Observatorio de Vivenda

Irlanda modifica o tope do 2% na renovación de alugueiros para impulsar a construción de vivendas de obra nova

Irlanda modifica o tope do 2% na renovación de alugueiros para impulsar a construción de vivendas de obra nova

O Goberno de Irlanda decidiu modificar a lexislación sobre o control dos alugueiros, vixente desde 2016, para abordar a falta de vivendas dispoñibles en réxime de arrendamento. A nova normativa, que entrará en vigor o 1 de marzo de 2026, amplía o tope do 2% anual no incremento do alugueiro a todo o territorio irlandés, cando antes se aplicaba unicamente nas zonas urbanas. Non obstante, as novas construcións destinadas ao alugueiro, especialmente apartamentos, estarán exentas desta limitación e poderán vincularse ao Índice de Prezos ao Consumo, o que pretende fomentar o investimento no sector, que experimentou unha caída do 24% no ano 2024. 

A reforma tamén elimina os chamados "desafiuzamentos sen culpa" nos casos de grandes propietarios —aqueles que posúen catro ou máis inmobles en alugueiro—, impedindo que poidan rescindir contratos sen motivo xustificado. Ao mesmo tempo, introdúcese unha duración mínima de seis anos para os contratos asinados por pequenos propietarios, é dicir, quen teñan ata tres vivendas en alugueiro, e establécense maiores limitacións para a súa resolución. A pesar destas restricións, todos os propietarios, grandes ou pequenos, conservarán o dereito de vender o inmoble en calquera momento, aínda que o inquilino continúe habitándoo. Estas medidas chegan nun contexto onde a construción de vivendas ficou moi por baixo do obxectivo anual e os prezos do alugueiro disparáronse, especialmente para os novos arrendatarios, con subas do 47% desde 2021.

Fonte.- Idealista