O Parlamento alemán aproba ampliar o límite do prezo dos alugueiros ata 2029 | Observatorio de Vivenda

O Parlamento alemán aproba ampliar o límite do prezo dos alugueiros ata 2029

O Parlamento alemán aproba ampliar o límite do prezo dos alugueiros ata 2029

O Parlamento alemán vén de aprobar a prórroga da Lei ‘Mietpreisbremse’ ata o ano 2029, unha normativa que permite limitar os prezos dos alugueiros en determinadas zonas do país, clasificadas como áreas de mercado residencial tensionado. Esta lei, en vigor desde 2015, obriga aos propietarios a non superar nun 10% a renda media dos alugueiros comparables na mesma zona. A prórroga, apoiada pola gran coalición de conservadores e socialdemócratas, mantén tamén as exencións para vivendas de nova construción posteriores a 2014, inmobles completamente rehabilitados e contratos asinados antes da súa entrada en vigor. Entre as novidades destaca a obrigatoriedade dos arrendadores de informar sobre os posibles excesos no prezo e xustificalos, permitindo aos inquilinos reclamar retroactivamente os importes pagados de máis.

Porén, a eficacia deste mecanismo foi moi limitada, especialmente nas grandes cidades alemás como Berlín, Múnic ou Frankfurt, cidades onde os prezos do alugueiro medraron de forma destacada nos últimos anos. A escaseza de vivenda accesible, unida á débil penalización por incumprimentos, minguou o impacto real da norma. Por iso, esta ampliación preséntase como unha medida de transición mentres se traballa en solucións estruturais, como o aumento da oferta de vivenda asequible. O caso de Berlín exemplifica os límites destas políticas: en 2020 implantouse un conxelamento de alugueiros que foi anulado polo Tribunal Constitucional un ano despois, e malia estas restricións, os prezos aumentaron un 25% ata 2024, convertendo a capital na segunda cidade máis cara do país en termos de alugueiro, só por detrás de Múnic.

Fonte.- Idealista