O prezo da vivenda en Galicia increméntase un 7,3% interanual no primeiro trimestre e roza o prezo da burbulla, segundo datos do Ministerio | Observatorio de Vivenda

O prezo da vivenda en Galicia increméntase un 7,3% interanual no primeiro trimestre e roza o prezo da burbulla, segundo datos do Ministerio

O prezo da vivenda en Galicia increméntase un 7,3% interanual no primeiro trimestre e roza o prezo da burbulla, segundo datos do Ministerio

O prezo medio do metro cadrado da vivenda libre en Galicia alcanzou os 1.436 euros no primeiro trimestre do 2025, o que supón un incremento do 7,3 % respecto ao inicio do ano. Trátase da suba máis pronunciada dende 2007, segundo os datos que manexa o Ministerio de Vivenda a partir das tasacións realizadas. Estes prezos sitúanse xa preto dos rexistrados antes do estoupido da burbulla inmobiliaria, cando o metro cadrado chegou aos 1.571 euros. Se continúa esta tendencia alcista, e tendo en conta que nos dous últimos trimestres de 2024 o incremento superou o 6 %, é probable que a finais deste ano ou a comezos de 2026 se acade un novo máximo histórico no custo da vivenda en Galicia. No caso das propiedades con menos de cinco anos de antigüidade, o metro cadrado sitúase nos 1.711,9 euros (+8,7 % interanual), mentres que as de máis de cinco anos alcanzan os 1.427,7 euros (+7,3 %).

A nivel estatal, o prezo medio da vivenda libre subiu un 9 % ata os 2.033,4 euros por metro cadrado. Dentro de Galicia, A Coruña mantense como a cidade máis cara, con 2.358 euros/m² (+13,5 %). Séguena Santiago (2.086 €, +5,9 %), Vigo (2.021 €, +9,7 %) e Oleiros, cunha suba notable do 21 % ata os 1.978 euros. Pontevedra (1.699 €, +6 %) e Culleredo (1.671 €, +9,1 %) tamén rexistraron importantes aumentos. En Cangas, o prezo situouse en 1.586 euros (+6,5 %), mentres que Ames alcanzou os 1.527 euros tras medrar un 25 %. Outras subas destacables déronse en Arteixo (1.384 €, +15,4 %), Ourense (1.351 €, +8,1 %), e Vilagarcía (1.350 €, +12,9 %). Tamén se observaron incrementos máis moderados en Lugo (1.242 €), Ribeira (1.230 €), Redondela (1.192 €), Marín (1.079 €), Carballo (988,6 €), Narón (937 €) e Ferrol (919 €).

Fonte.- Faro de Vigo