O pago da hipoteca alcanza o 37% dos ingresos na cidade da Coruña, segundo Tinsa | Observatorio de Vivenda

O pago da hipoteca alcanza o 37% dos ingresos na cidade da Coruña, segundo Tinsa

O pago da hipoteca alcanza o 37% dos ingresos na cidade da Coruña, segundo Tinsa

Os fogares galegos están a notar cada vez máis o peso das facturas e dos custos asociados á vivenda, que absorben unha parte crecente do salario mensual e obrigan a recortar gastos e atrasar proxectos. O esforzo económico que require pagar unha hipoteca en Galicia sitúase xa no 28% da renda familiar, dez puntos por enriba do nivel de hai cinco anos, segundo o último informe da sociedade de tasación Tinsa. Este estudo alerta de que quince capitais de provincia superan o limiar de risco recomendado, entre o 30 e o 35% dos ingresos do fogar. No caso da cidade da Coruña, a carga hipotecaria chega ao 37% do soldo, por riba da media galega e tamén da estatal. Mentres tanto, urbes como Madrid, Málaga ou Barcelona superan o 50% da nómina para cubrir o pago mensual, fronte a outras como Lugo ou Teruel, onde a porcentaxe non acada o 25%.

A raíz deste encarecemento está na escaseza de vivenda dispoñible, tanto nova como de segunda man, resultado dun ritmo moi limitado de construción e dunha demanda que supera con moito a oferta. En Galicia, un estudo de Caixabank Research cifra o déficit habitacional en máis de 34.000 vivendas entre 2021 e 2024. Case a metade desta carencia concéntrase na provincia da Coruña, que precisa arredor de 16.000 novas unidades, seguida de Pontevedra con preto de 11.000, mentres que Lugo e Ourense presentan necesidades moito menores. Esta situación está a elevar a presión sobre os prezos e a dificultar o acceso á propiedade, especialmente nas áreas urbanas máis dinámicas.

O custo de mercar unha vivenda continúa en ascenso. No último ano, os prezos incrementáronse un 8,4% en Galicia, ata situarse en 1.403 euros por metro cadrado, o que supón que un piso medio de 80 metros rolda os 112.000 euros. A cidade da Coruña destaca como a máis cara da comunidade, cun prezo medio de 2.172 euros por metro cadrado, un 10,2% máis que o ano anterior, o que eleva o valor dun inmoble tipo a preto de 174.000 euros. Isto implica que adquirir unha vivenda na Coruña custa xa un 55% máis que a media galega, o que amplía a fenda territorial e converte o acceso á vivenda nun desafío crecente para moitos fogares.

Fonte.- La Opinión de A Coruña