O Parlamento de Canarias aproba unha nova lei para regular o mercado de vivendas vacacionais | Observatorio de Vivenda

O Parlamento de Canarias aproba unha nova lei para regular o mercado de vivendas vacacionais

O Parlamento de Canarias aproba unha nova lei para regular o mercado de vivendas vacacionais

O Parlamento de Canarias aprobou a primeira lei específica para regular o alugueiro vacacional no arquipélago, substituíndo o decreto de 2015 que se consideraba insuficiente. A nova normativa, denominada Lei de Ordenación Sostible do Uso Turístico de Vivendas, pretende equilibrar o dereito dos propietarios a exercer esta actividade coa protección do interese xeral. A conselleira de Turismo, Jéssica de León, destacou que agora se fixan criterios claros sobre os límites territoriais e o alcance desta modalidade turística, ata agora sen restricións cuantitativas nin cualitativas.

Un dos puntos clave é que os propietarios actuais poderán continuar coa súa actividade, mais non se permitirán novas vivendas vacacionais durante cinco anos, agás que os concellos aproben plans urbanísticos que as autoricen expresamente. Ademais, establécese que só o 10% do parque de vivendas poderá dedicarse a uso turístico e prohíbese empregar VPO ou crear edificios completos de uso vacacional, os chamados "pseudohoteis". As novas construcións tampouco se poderán destinar ao alugueiro turístico ata pasaren dez anos da súa edificación.

Canarias é unha das comunidades con maior presenza de vivendas turísticas, con máis de 50.000 unidades, e a maior parte delas están en mans de investidores estranxeiros. A medida volveu abrir tensións entre o sector hoteleiro, que aplaude a regulación, e os propietarios de vivendas vacacionais, que temen un impacto negativo nas rendas familiares. A normativa entrará en vigor tras a súa publicación no BOC e requerirá novos pasos para aplicarse plenamente.

Fonte.- Idealista