O Goberno vasco crea un seguro público para mobilizar ata 25.000 vivendas baleiras cara ao alugueiro | Observatorio de Vivenda

O Goberno vasco crea un seguro público para mobilizar ata 25.000 vivendas baleiras cara ao alugueiro

O Goberno vasco crea un seguro público para mobilizar ata 25.000 vivendas baleiras cara ao alugueiro

O Goberno vasco aprobou Alokaplus, un seguro público e gratuíto destinado a ofrecer garantías aos propietarios e incorporar ao mercado do alugueiro vivendas baleiras por temor a impagos ou danos. O Executivo estima que existen arredor de 25.000 inmobles desocupados en zonas de elevada demanda residencial que poderían mobilizarse mediante esta iniciativa. A cobertura inclúe as rendas impagadas, os gastos de subministracións asumidos pola propiedade e os danos causados por culpa ou neglixencia da persoa arrendataria. A protección poderá alcanzar 14 mensualidades e ampliarse ata 20 en determinados casos, como cando o inquilino teña ata 35 anos, supere os 65 ou pertenza a unha unidade familiar monoparental ou con persoas dependentes.

O seguro está dirixido a vivendas situadas en zonas declaradas de mercado residencial tensionado, cuxas rendas respecten os límites de prezos establecidos. Quedan excluídos os propietarios con máis de cinco vivendas, as persoas xurídicas e os inmobles que non se destinen a alugueiro habitual. O programa poderá aplicarse tanto a novos contratos como a outros xa vixentes, sempre que cumpran os requisitos. A dotación inicial é de 250.000 euros, que aumentará ata os dous millóns de euros anuais a partir de 2027. As cantidades que a Administración aboe para cubrir impagos, subministracións ou desperfectos deberán ser reembolsadas pola persoa arrendataria nos termos previstos legalmente.

Fonte.- Idealista