SAÚDO DA CONSELLEIRA

 

Con estas liñas quero darlles a benvida á web do Observatorio da Vivenda de Galicia, un instrumento creado pola Xunta de Galicia para facilitar a participación de todos os axentes implicados no desenvolvemento dun sector socioeconómico clave para a nosa comunidade como é o da vivenda.

O Observatorio da Vivenda de Galicia nace co obxectivo de ser unha ferramenta encamiñada a facilitar o coñecemento do mercado inmobiliario residencial galego e a ser un espazo de análise compartido polas administracións públicas, axentes sociais (colexios profesionais, usuarios, cooperativas, asociacións empresariais, outros colectivos etc.), así como de recollida e estudo da información máis importante na materia, co fin de converterse nun referente no sector e coa intención de transferir ese coñecemento, a través da realización de accións de divulgación.

Deste traballo conxunto sairá unha información útil que periodicamente verá a luz a través desta web e dos boletíns e publicacións do Observatorio e que estarán a disposición dos interesados nas diferentes seccións desta páxina.

Deste xeito, a través do Observatorio pretendemos facilitar a participación e o acceso á información e ao coñecemento de todos os aspectos relacionados co mundo da vivenda ao conxunto da sociedade galega, posibilitando ademais que tanto as administracións públicas como a iniciativa privada, os profesionais, os usuarios e calquera outro interesado neste sector estea nas mellores condicións para adoptar decisións máis oportunas neste ámbito. 

Agardamos que este traballo conxunto e multidisciplinar se transforme nunha eficaz ferramenta de traballo para avanzar de forma decidida na mellora do sector da vivenda en Galicia.

 

Ethel Vázquez
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda