Afrontar o pago dunha hipoteca é un 66% máis barato que un alugueiro en Galicia, segundo o último barómetro de esforzo financeiro de iAhorro | Observatorio de Vivenda

Afrontar o pago dunha hipoteca é un 66% máis barato que un alugueiro en Galicia, segundo o último barómetro de esforzo financeiro de iAhorro

Afrontar o pago dunha hipoteca é un 66% máis barato que un alugueiro en Galicia, segundo o último barómetro de esforzo financeiro de iAhorro

A pesar de que acceder á compra dunha vivenda a través dun préstamo hipotecario non está ao alcance de todos polos elevados custos iniciais, o certo é que resulta máis rendible que vivir de alugueiro en todas as comunidades autónomas do Estado. En Galicia, a diferenza é especialmente significativa: as persoas que mercan unha vivenda afrontan unha cota hipotecaria mensual que, de media, é un 66% máis baixa ca a renda que pagan os inquilinos. Isto tradúcese nun aforro de 237 euros ao mes, segundo un estudo recente elaborado por iAhorro, a partir de datos do Banco de España e dos portais Idealista, Pisos.com e Fotocasa.

No caso galego, o prezo medio do alugueiro en maio situouse nos 697,34 euros mensuais, mentres que a cota media das hipotecas foi duns 460 euros, só superada por Extremadura como a máis baixa do Estado. A pesar do incremento nos prezos da vivenda nos últimos anos, a baixada dos tipos de xuro atenuou o impacto nos préstamos hipotecarios. De feito, Galicia rexistrou a maior redución na cota mensual das hipotecas durante o último ano, cunha caída superior ao 26%. Unha vez superado o esforzo inicial, a carga económica da hipoteca resulta menor que a do alugueiro, e Galicia destaca tamén por ser a comunidade onde esta carga require un menor esforzo salarial: só o 15,8% dos ingresos, fronte a máis do 40% en comunidades como Madrid ou Cataluña.

Fonte.- Galiciaé