Allegue: “coas novas medidas, máis familias galegas terán acceso a vivenda pública da Xunta de Galicia” | Observatorio de Vivenda

Allegue: “coas novas medidas, máis familias galegas terán acceso a vivenda pública da Xunta de Galicia”

Allegue: “coas novas medidas, máis familias galegas terán acceso a vivenda pública da Xunta de Galicia”

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, destacou hoxe que coas novas medidas impulsadas pola Administración autonómica, “máis familias galegas terán acceso á vivenda pública da Xunta de Galicia”. Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, explicou hoxe o contido destas novas medidas, avanzadas polo presidente Alfonso Rueda no recente Debate de Política Xeral.

Allegue incidiu en que a vivenda “é unha prioridade irrenunciable para este Goberno” e enmarcou estas novas medidas no compromiso e o esforzo que está a levar a cabo a Administración autonómica diante do reto de incrementar a oferta de vivenda pública, a través da construción, rehabilitación e desenvolvemento de solo, así como na mobilización de vivendas baleiras e impulsando medidas para desburocratizar e axilizar trámites.

As modificacións impulsadas pola Xunta inclúen a suba dos límites de renda a 4 veces o Iprem (4,5 para familias numerosas) para que máis familias poidan acceder a vivenda pública, así como a reserva do 30% da vivenda en réxime de compra-venda para persoas de entre 36 e 45 anos, con fillos ao seu cargo e a nova bonificación ata o 100% no imposto de Actos Xurídicos Documentados.

No primeiro caso, Allegue indicou que era preciso modificar estes parámetros para que máis galegos e galegas puidesen acceder a unha vivenda, sen mermar as oportunidades dos xa inscritos.  Co novo limiar ata 4 veces o Iprem, modifícase a ponderación en función dos membros da unidade familiar. Deste xeito, no caso dunha parella cun fillo, ata agora non podía exceder de 2.250 euros mensuais brutos ao mes e agora o límite sitúase en 3.530 euros brutos ao mes. E para unha familia numerosa, o límite era de 2.571 euros e co novo limiar (4,5 Iprem) ascende a 4.154 euros.

Cupos

Por outra banda, no caso das vivendas destinadas á venda, introdúcese a reserva do 30% para persoas entre 36 e 45 anos con fillos.

Deste xeito, nos sorteos de cada promoción de vivenda, faranse cupos en función do número de habitacións e composición da unidade familiar. No caso das vivendas en venda, haberá un primeiro cupo de reserva dun 25% para menores de 36 anos; outro do 30% para a franxa de idade de 36 a 45 con fillos a seu cargo e un cupo xeral restante, onde participarán todos. Quen resulte adxudicado nun cupo quedará excluído dos demais.

No que atinxe ao alugueiro, faranse dous cupos: a reserva do 40% para menores de 36 anos e o 60% restante para todos os inscritos.

Ademais, a Xunta bonificará o 100% do imposto de Actos Xurídicos Documentados para as vivendas protexidas. Ata agora este tributo, que paga o promotor en varias fases e o comprador no momento de mercar unha vivenda nova, era do 1,5%., o que significaba por exemplo que por unha vivenda protexida de 100 m2 se pagaba ata 15.000€ deste imposto. Coa nova medida, a custo será de cero euros.

4.000 vivendas públicas en marcha

Allegue destacou que xa están en marcha as 4.000 novas vivendas comprometidas para duplicar parque público residencial nesta lexislatura, fogares que contarán con protección permanente: “Serán indefinidamente públicas, tanto as adxudicadas en réxime de alugueiro, como en venda. Isto é, sempre terán prezos máximos de venda e de alugueiro e sempre serán adxudicadas a través do Rexistro Único de Demandantes de Galicia.

“Queremos que máis galegos accedan as nosas vivendas que serán una realidade no ano 2028 -subliñou a conselleira-. Algunhas incluso xa empezaremos a entregalas este mesmo ano, en Pontevedra e en Santiago, pero moitísimas serán entregadas ao longo do ano 2027 e 2028”.

Indicou que os adxudicatarios destas 4.000 vivendas públicas sairán dos diferentes sorteos ante notario que se realizará entre os inscritos no Rexistro de demandantes. Estes sorteos garanten que os beneficiarios son os que realmente as necesitan e compren os requisitos, segundo lembrou Allegue, que recordou que teñen dereito a participar as persoas que estean empadroadas ou as que traballen no concello onde se sitúan as vivendas públicas. Os candidatos non poden ter vivenda en propiedade e  non poden superar  o límite de ingresos agora establecidos.

A conselleira quixo destacar a colaboración do sector, así como dos concellos galegos, que están cedendo solo gratuíto á Xunta para seguir incrementando o parque público de vivenda, e volveu lamentar que Galicia segue, a 15 de abril,  á espera de que o Goberno central aprobe o Plan Estatal de Vivenda, “o que supón este ano o bloqueo de 80M€”, e ten paralizadas axudas como as de alugueiro para mozos o ás dirixidas a comunidades de propietarios para rehabilitacións.  

Fonte.- Xunta de Galicia