Alugar unha vivenda en Galicia xa esixe un 50% máis que a cota dunha hipoteca acorde a Idealista | Observatorio de Vivenda

Alugar unha vivenda en Galicia xa esixe un 50% máis que a cota dunha hipoteca acorde a Idealista

Alugar unha vivenda en Galicia xa esixe un 50% máis que a cota dunha hipoteca acorde a Idealista

A escaseza de oferta de pisos no mercado do alugueiro de longa duración e a crecente demanda converteron a compra nunha opción que atrae a cada vez máis persoas novas que queren emanciparse ou familias que buscan mudarse. Alugar a día de hoxe unha vivenda con dous dormitorios en Galicia supón xa un custo medio do 50% máis elevado que a cota hipotecaria á que se fai fronte en caso de comprar ese mesmo inmoble. Agora ben, esta opción esixe achegar a modo de entrada polo menos 30.000 euros, segundo un informe publicado por Idealista. 

En Galicia, o custo medio do arrendamento alcanza xa os 530 euros de renda, un 10% máis con respecto ao ano pasado e máis dun 49% en relación a 2016. Na provincia da Coruña un 20% dos inmobles dispoñibles para alugar superan os mil euros de renda, mentres que na provincia de Pontevedra xa son un 28% dos pisos por encima dos 1.000 euros. No caso da compra, os prezos sitúanse preto dos que había en 2008 coa burbulla inmobiliaria, tras dispararse este ano o parque residencial galego en case un 7%, encadeando xa unha década de tarifas á alza. A provincia de Ourense é a que presenta a maior fenda entre o alugueiro e a compra, xa que o arrendamento esixe un 57% máis que a cota hipotecaria, que está en 327, mentres que en Lugo, pola súa banda, a brecha do arrendamento (515 euros) e a compra (355) sitúase no 45%. 

Entre as capitais de provincia galegas, o maior desembolso inicial para a firma dunha hipoteca esíxese na Coruña (case 66.500 euros), seguida de Pontevedra (máis de 50.000 euros), Lugo (40.084 euros) e, finalmente, Ourense (case 38.000 euros). En canto á diferenza entre o aluguer e a cota mensual tras unha compra, lidera a táboa autonómica as cidades de Lugo (27%; 555 euros fronte a 436) e Ourense (25%; 516 fronte a 412). En Pontevedra sitúase nun 18% (648 euros fronte a 435), mentres que na Coruña é de só o 1% (731 euros de media o arrendamento dunha vivenda de dúas habitacións fronte a 723 de cota hipotecaria dese mesmo inmoble).

Fonte.- La Opinión de A Coruña