Belén do Campo escoita as demandas da veciñanza de Xuxan e reafirma o compromiso da Xunta co desenvolvemento do barrio | Observatorio de Vivenda

Belén do Campo escoita as demandas da veciñanza de Xuxan e reafirma o compromiso da Xunta co desenvolvemento do barrio

Belén do Campo escoita as demandas da veciñanza de Xuxan e reafirma o compromiso da Xunta co desenvolvemento do barrio

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, mantivo unha reunión cos representantes da asociación de veciños de Xuxán co obxectivo de escoitar de primeira man as súas necesidades, atender as principais preocupacións do barrio e recoller propostas de mellora para seguir avanzando no seu desenvolvemento.

Durante o encontro, a representante do Goberno autonómico destacou que Xuxán é un barrio emerxente no que a Xunta de Galicia está a desempeñar un papel protagonista nos últimos anos, tanto a través do financiamento de obras de urbanización como coa construción de vivendas públicas. Neste sentido, explicou detalladamente as actuacións que o Goberno galego está a levar a cabo neste ámbito.

Na actualidade, xa hai 104 vivendas en obras no barrio de Xuxán. Así mesmo, a Xunta ten licitada a redacción do proxecto para a construción de 264 vivendas de promoción pública (VPP) na parcela Z-46, cuxas 20 ofertas presentadas están actualmente en fase de avaliación. Ademais, o pasado 13 de marzo de 2026 licitáronse os servizos de redacción de proxecto e dirección de obra, así como as propias obras de construción mediante técnicas industrializadas, na parcela Z-44, onde se desenvolverán outras 264 VPP.

Centro saúde

A delegada tamén informou aos representantes veciñais de que a Xunta dispón dunha parcela de 3.500 metros cadrados en Monte Mero, na zona de Montemar, a máis próxima a Xuxán, reservada para a futura construción dun centro de saúde, dando así resposta a unha das principais demandas dos veciños do barrio de Xuxán e da súa contorna de cara ás futuras necesidades que haberá nesta zona. Neste senso, destacou que este novo centro de saúde beneficiará de forma directa á cidadanía do barrio dando resposta a unha das demandas trasladadas pola entidade veciñal á delegada da Xunta nunha reunión a finais do ano pasado.

Vivendas protexidas

A delegada territorial da Xunta informou ás veciñas e veciños de Xuxán das novas medidas en materia de vivenda protexida anunciadas polo presidente da Xunta no último Debate do Estado da Autonomía, co obxectivo de facilitar o acceso á vivenda e dar resposta ás necesidades actuais da cidadanía.

Neste senso, explicou que se incrementará o límite de renda para poder acceder a unha Vivenda de Promoción Pública (VPP), elevándose ata un máximo de 4 veces o IPREM con carácter xeral, e ata 4,5 veces no caso das familias numerosas, ampliando así o número de fogares que poderán optar a este tipo de vivenda.

Ademais, sinalou que se reservará o 30% das vivendas protexidas en réxime de venda para persoas de entre 36 e 45 anos, priorizando aquelas que teñan fillos ao seu cargo, co fin de facilitar a emancipación e o acceso á vivenda a este colectivo.

A delegada tamén destacou a bonificación do 100% no imposto de Actos Xurídicos Documentados (AJD) para vivendas protexidas, unha medida que permitirá reducir a cero este custo, que podía acadar ata 15.000 euros nunha vivenda media, favorecendo así a promoción de novas vivendas a través da colaboración público-privada.

Estas medidas permitirán ampliar o acceso á vivenda protexida, reducir os custos para as familias e impulsar a construción de novos fogares adaptados ás necesidades actuais da poboación.

Axudas asociacións veciños

Belén do Campo informou tamén da orde das axudas do Plan específico comunitario, que se conceden en concorrencia competitiva, destinadas a asociacións de veciños que conta cun orzamento de 3 millóns de euros e ten o prazo aberto ata o 20 de abril.

A representante do Goberno autonómico lembrou que as subvencións teñen dúas liñas, unha contía de 2,6 millóns destínase a obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais de asociacións de veciños e de mulleres rurais, con actuacións como a eliminación de barreiras arquitectónicas ou melloras en estruturas, fachadas, cubertas, paramentos interiores, ventás, teitos ou obras de fontanería, sistemas de climatización, saneamento ou electricidade.

Na segunda liña, dotada con 400.000 euros, investiranse en apoio á dotación de equipamento para o funcionamento destas entidades e a organización de actividades específicas, incluíndo mobiliario, equipamento informático e sistemas acústicos e audiovisuais.

As axudas económicas poderán acadar a totalidade do investimento cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para obras e de 5.000 euros para equipamento. As asociacións beneficiarias deben  estar inscritas no rexistro de asociacións de Galicia 

Monte Mero

No transcurso da reunión, explicouse tamén o alcance do proxecto de desenvolvemento de Monte Mero, barrio limítrofe con Xuxán, no que a Xunta investirá 66 millóns de euros e que prevé mobilizar un investimento inducido de arredor de 800 millóns de euros. Este novo ámbito urbanístico permitirá a creación dun barrio no que residirán preto de 13.000 persoas.

O proxecto, que conta coa aprobación inicial como Proxecto de Interese Autonómico (PIA), contempla a construción de 4.397 vivendas, das cales 3.521 serán protexidas, ademais de amplos espazos públicos, zonas verdes e equipamentos. Entre os seus elementos máis destacados figura o gran Parque de Monte Mero, chamado a converterse nun referente paisaxístico na entrada á ría do Burgo.

Belén do Campo informou que se  licitará a obra de urbanización no vindeiro ano 2027. A previsión é que no 2028 se poidan simultanear as obras de urbanización e de edificación. Unha vez reparcelado o ámbito, a Xunta sacará a concurso as parcelas para que promotores e cooperativistas poidan construír.

Durante o ano presente tamén está planificada a redacción do proxecto de urbanización, co que se dotará ao barrio de viais, rúas e servizos básicos. Está previsto que estas actuacións se executen no 2028 coa intención de que se realicen tamén de forma simultánea as obras do centro de saúde.

A delegada subliñou que este proxecto supón “unha oportunidade histórica para A Coruña” e reiterou o compromiso da Xunta co desenvolvemento ordenado e sostible de Xuxán e da súa contorna, garantindo vivenda accesible e servizos de calidade para a cidadanía.

Finalmente, agradeceu a implicación da asociación veciñal e puxo en valor a importancia do diálogo continuo cos residentes para adaptar as actuacións públicas ás necesidades reais do barrio.

Fonte.- Xunta de Galicia