A Comunidade de Madrid crea unha liña de avais de 50 millóns para facilitar a compra de vivenda nova sen anticipos | Observatorio de Vivenda

A Comunidade de Madrid crea unha liña de avais de 50 millóns para facilitar a compra de vivenda nova sen anticipos

A Comunidade de Madrid crea unha liña de avais de 50 millóns para facilitar a compra de vivenda nova sen anticipos

A Comunidade de Madrid habilitará unha liña de avais dotada con 50 millóns de euros para facilitar a adquisición de vivendas de obra nova, tanto protexidas como libres. A iniciativa permitirá que os compradores eviten adiantar ata o 10% do prezo do inmoble durante a construción. As sociedades de garantía recíproca poderán avalar os promotores e as cooperativas para cubrir estas cantidades, co respaldo do Goberno autonómico, que asumirá sen custo ata o 70% de cada garantía. As entidades avalistas deberán achegar polo menos o 30% restante e cumprir os requisitos establecidos para participar no programa.

A medida poderá combinarse co programa 'Mi Primera Vivienda', que facilita o acceso a préstamos hipotecarios de ata o 100% do valor do inmoble para menores de 40 anos, do 95% para persoas de entre 40 e 45 anos e do 90% para o tramo de 45 a 50 anos. O prezo máximo de adquisición será de 425.000 euros, cun límite de idade xeral de 50 anos, agás determinadas familias con menores ao seu cargo. Ademais, a Comunidade prevé reducir a fiscalidade da compra de vivenda para menores de 40 anos: o imposto de transmisións patrimoniais baixará do 6% ao 4% nas vivendas usadas de ata 450.000 euros, mentres que o imposto sobre actos xurídicos documentados para vivenda nova pasará do 0,75% ao 0,4%. As rebaixas fiscais poderían beneficiar arredor de 40.000 mozos e supor un aforro anual estimado de 116 millóns de euros.

Fonte.- El Economista