A Xunta de Galicia destinará 7.901.884 euros a axudas ao alugueiro destinadas a persoas en situación de vulnerabilidade como consecuencia da pandemia da COVID-19. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe, 22 de maio do 2020, a Resolución pola que se convocan estas axudas, que se poderán solicitar dende o próximo luns 25 de maio e ata o 30 de setembro de 2020.
Poderán beneficiarse destas axudas ao alugueiro as persoas titulares dun contrato de alugueiro de vivenda habitual que se atopen en situación de vulnerabilidade a consecuencia de estar en situación de desemprego, ERTE ou redución de xornada como consecuencia da COVID-19. Os beneficiarios destas axudas recibirán ata 500 euros ao mes durante o período que se acredite estar en situación de vulnerabilidade, co límite máximo de seis meses, que non poderá ir máis aló de decembro de 2020. O importe da axuda non poderá superar o custe da renda mensual establecida no contrato de alugueiro e poderá concederse con efectos retroactivos dende o pasado mes de abril.
No caso de que o beneficiario da axuda obtivese un préstamo ICO para o pago do alugueiro, ao amparo das axudas transitorias de financiamento, a axuda destinarase á amortización de dito préstamo. No resto dos casos será pagada directamente polo IGVS ao propietario da vivenda.
Fonte | IGVS