Medio Ambiente destaca que en menos de catro anos se dispuxeron máis de cen inmobles ao abeiro do programa de rehabilitación de antigas vivendas de mestres

Medio Ambiente destaca que en menos de catro anos se dispuxeron máis de cen inmobles ao abeiro do programa de rehabilitación de antigas vivendas de mestres

Ao abeiro do Programa de rehabilitación de antigas vivendas de mestres, posto en marcha pola Xunta no ano 2017, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda rehabilitou e acondicionou cerca de 125 inmobles en menos de catros anos.

Un exemplo son as oito vivendas rehabilitadas no Concello de Rianxo, que agora o Concello poderá adxudicar entre os veciños inscritos no Rexistro único de demandantes de vivenda; polo que coa entrada dos inmobles solucionarase o 100% da demanda real actual que existe no termo municipal. Para a rehabilitación destas vivendas, a Xunta dispuxo un orzamento de case 300.000 euros, que agora se traducen en dispor de oito fogares para senllas familias que acceden a un fogar en alugueiro nunhas condicións moi vantaxosas.

Este programa cumpre un dobre obxectivo: por unha banda crear ou ampliar o parque de vivenda pública en alugueiro propiedade dos concellos, así como recuperar inmobles que, de non actuar, acabarían abandonados e degradados, pois en ocasións os concellos non dispoñen dos recursos necesarios para acometer este tipo de actuacións.

En definitiva, con este programa a Xunta apoia aos concellos máis pequenos, promove a recuperación do patrimonio construído e pon en valor as vilas galegas, ao tempo que se facilita o acceso a unha vivenda aos galegos.

Fonte | Xunta de Galicia