O Consorcio Casco Vello de Vigo aproba unha inversión de preto de medio millón de euros para a adquisición de tres novas parcelas

O Consorcio Casco Vello de Vigo aproba unha inversión de preto de medio millón de euros para a adquisición de tres novas parcelas
  • A presidenta do organismo rehabilitador e delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, recordou que o ente, que adquiriu ata o de agora 79 inmobles, disporá no vindeiro ano dunha achega económica por parte da Xunta que duplica á deste 2019

A presidenta do Consorcio Casco Vello (CCVV) e delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, informou hoxe dos asuntos abordados no Consello de Administración do organismo que preside e no que se acordou adquisición de tres novas parcelas por preto de medio millón de euros e cunha edificabilidade de 1.000 metros cadrados en conxunto.

Trátase dos solares situados na rúa Real 13 e Elduayen 39 e o edificio que ocupa o número 16 de Ferrería.

A primeira delas, segundo informou a representante autonómica permitirá recuperar un dos edificios de maior envergadura dos situados na que no seu día foi a arteria principal do primixenio Vigo. Actualmente só mantén en pé a fachada de pedra, unha das máis destacadas da zona baixa do barrio histórico. O Plan Especial de Protección e Reforma Integral (PEPRI) do Casco Vello de Vigo outórgalle un alto valor urbanístico.

En canto a Elduayen 39, é o segundo solar adquirido nesta rúa polo Consorcio tras a compra no 2018 do número 31. Dada a sua situación nunha das principais vías de conexión da cidade conta tamén cun alto valor urbanístico.

Pola súa banda, Ferrería 16 conta cun importante volume construído debido a diferente cota entre a fachada e parte traseira cara a Elduayen. Así, conta cunha planta baixa, tres superiores, un ático e tres sotos, se vén se encontra en moi mal estado de conservación.

Por último, Corina Porro puxo en valor o traballo desenvolvido estes últimos anos polo Consorcio do Casco Vello de Vigo co fin de revitalizar e recuperar gran parte deste importante ámbito urbano, ao tempo que sinalou que co fin de que poidan seguir con este traballo e executar máis actuacións de rehabilitación na zona, a Xunta de Galicia “duplicará” en 2020 a súa achega económica a esta entidade.

Resumen CCVV

Desde que en 2005 botase a andar o Consorcio Casco Vello de Vigo, adquiríronse 79 inmobles situados dentro do seu ámbito de actuación (fixado polo PEPRI). Destes, 53 xa están totalmente rehabilitados, 12 foron transferidos a outros organismos (7 deles rehabilitados polo CCVV), 6 están en proceso de construción e en 8, a maior parte de recente adquisición, non se iniciaron os labores de rehabilitación. Estas actuacións suman 106 vivendas promovidas, das que 93 foron vendidas e o resto están en distinta fase de execución.

En canto aos locais comerciais, interveuse en 32 (6 están vendidos, 10 alugados e 16 baleiros). O investimento total desde a súa constitución supera os 45 millóns de euros.

Fonte.- Xunta de Galicia