O Govern de Cataluña limitará a compra especulativa de vivenda en zonas tensionadas para grandes propietarios | Observatorio de Vivenda

O Govern de Cataluña limitará a compra especulativa de vivenda en zonas tensionadas para grandes propietarios

O Govern de Cataluña limitará a compra especulativa de vivenda en zonas tensionadas para grandes propietarios

Cataluña converterase na primeira comunidade en establecer límites á compra especulativa de vivendas en zonas declaradas tensionadas, co obxectivo de aliviar a presión do mercado e mellorar o acceso á vivenda. O acordo entre o executivo presidido por Salvador Illa e Comuns para aprobar os Orzamentos da Generalitat de 2026 contempla prohibir aos grandes propietarios, definidos como aqueles con cinco ou máis inmobles en áreas de alta demanda, a adquisición de vivendas que non teñan como destino o seu domicilio habitual. Estes só poderán mercar edificios completos se destinan os pisos ao alugueiro respectando os topes de rendas vixentes e os contratos en vigor. As zonas tensionadas abranguen 271 concellos nos que reside o 90% da poboación catalá. Os pequenos propietarios poderán adquirir inmobles sempre que os destinen a residencia habitual, a alugueiro dentro dos límites establecidos ou a unha única segunda residencia situada nun municipio distinto ao da súa vivenda principal. As herdanzas quedan excluídas, aínda que as vivendas adicionais deberán incorporarse ao mercado do alugueiro ou cederse a familiares.

A medida artellarase mediante unha modificación da Lei de Urbanismo, tras informes xurídicos que avalan a súa constitucionalidade se se aplica de maneira temporal e acoutada ás zonas tensionadas. O pacto inclúe tamén un incremento das partidas destinadas a vivenda, que pasan de 750 a 1.200 millóns de euros. Desa contía, 100 millóns destinaranse a axudas ao alugueiro para fogares con rendas inferiores a 36.000 euros, 300 millóns á compra de vivenda e 600 millóns a créditos do Institut Català de Finances. Ademais, prevese unha dotación de 100 millóns para bolsas comedor. A iniciativa súmase a outras actuacións xa impulsadas polo Govern, como os límites ás rendas do alugueiro, o dereito de tanteo e retracto sobre inmobles de grandes propietarios ou as restricións aos contratos de tempada, medidas que xeraron críticas no ámbito empresarial pola intensidade regulatoria.

Fonte.- El Pais