O incremento do prezo do alugueiro dispara a preocupación pola vivenda en Galicia | Observatorio de Vivenda

O incremento do prezo do alugueiro dispara a preocupación pola vivenda en Galicia

O incremento do prezo do alugueiro dispara a preocupación pola vivenda en Galicia

En Galicia, o acceso á vivenda segue a ser unha das principais inquedanzas da cidadanía, especialmente polo impacto do prezo do alugueiro, que experimentou un forte aumento nos últimos anos. A día 7 de novembro, 9.202 persoas estaban inscritas no Rexistro de Demandantes da Xunta de Galicia á espera dunha vivenda de protección en alugueiro. Segundo datos de Eurostat, o prezo do alugueiro na Unión Europea medrou 17,6% entre 2014 e 2024, un incremento que en Galicia foi de 49%, superando a media europea e situándose entre os máis altos.

A suba do prezo do alugueiro en Galicia tan só foi superada por sete Estados da Unión Europea, sendo Hungría o que lidera a lista cun incremento de 90,5%. A media mensual de alugueiro na Galiza pasou de 364 euros en 2014 a 550 euros en 2024, un aumento que tamén se reflicte no custo por metro cadrado, que ascendeu de 4,4 euros en 2021 a 5,3 euros actualmente. Este encarecemento está relacionado cun aumento dos desafiuzamentos, xa que o 76,8% das expulsións realizadas no segundo trimestre deste ano foron por impagamento do alugueiro, segundo a Lei de Arrendamentos Urbanos.

Outro dato relevante é a porcentaxe de ingresos destinada ao pago do alugueiro, que ascendeu ao 35% do salario bruto en 2023, un dos niveis máis elevados de Europa. Comparativamente, en países como Dinamarca e Alemaña, a porcentaxe sitúase en torno ao 26% e 23%, respectivamente. A situación en Grecia é a máis próxima á de Galicia, cunha media do 34% do salario destinado á vivenda. Esta tendencia en Galicia supón unha presión económica significativa, pois hai só unha década o gasto en alugueiro representaba un 25% do salario.

O mercado inmobiliario galego tamén rexistrou un comportamento excepcional en 2023, cun aumento do 3,4% no prezo de adquisición das vivendas, fronte á tendencia xeral de estabilidade na Unión Europea, onde o crecemento foi dun modesto 0,2%. Mentres no conxunto da Eurozona os prezos das vivendas descenderon por primeira vez en case unha década, Galicia mantívose á marxe desta baixada.

Fonte.- Nos Diario