Once capitais rexistran prezos de vivenda máximos históricos en 2025, segundo os últimos datos do portal inmobiliario Fotocasa | Observatorio de Vivenda

Once capitais rexistran prezos de vivenda máximos históricos en 2025, segundo os últimos datos do portal inmobiliario Fotocasa

Once capitais rexistran prezos de vivenda máximos históricos en 2025, segundo os últimos datos do portal inmobiliario Fotocasa

O mercado inmobiliario en España vive un momento de forte dinamismo, cun encarecemento xeneralizado da vivenda que no mes de xullo chegou a ser case dun 15% respecto ao mesmo período do ano anterior. As Illas Baleares encabezan o encarecemento da vivenda usada desde a crise inmobiliaria de 2007, cun incremento acumulado do 84% nos últimos dezaoito anos e un prezo récord de máis de 5.000 euros por metro cadrado este xullo. Tras elas sitúanse Madrid, cun aumento do 47% e un valor próximo aos 4.900 euros, Canarias cun 22% máis, Andalucía cun 4% de subida e a Comunidade Valenciana, que practicamente mantén os niveis de hai case dúas décadas. Estes datos amosan que, mentres en certas rexións a vivenda non deixou de revalorizarse, noutras o avance foi moi limitado.

A situación é moito máis desigual que no mercado do alugueiro, onde case todo o país está en máximos históricos. Por exemplo, en Castela-A Mancha os prezos están un 43% por baixo do teito da burbulla, e en Aragón, A Rioxa ou Navarra a diferenza rolda o 40%. Pola contra, once capitais marcaron cifras nunca vistas en 2024: San Sebastián (6.874 €/m²), Madrid (6.063 €/m²), Palma (4.892 €/m²), Málaga (4.145 €/m²), Valencia (3.365 €/m²), A Coruña (3.266 €/m²), Santa Cruz de Tenerife (2.959 €/m²), Las Palmas (2.932 €/m²), Alicante (2.831 €/m²), Pontevedra (2.504 €/m²) e Teruel (1.964 €/m²).

Non obstante, tamén hai moitas capitais que seguen lonxe das cifras previas ao estalido da burbulla, algo aínda máis evidente se se ten en conta a perda de poder adquisitivo do euro, superior ao 30% desde 2007. Cidades como Huesca, Tarragona, Jaén, Zaragoza, Ciudad Real, Logroño, Lleida, Zamora, Almería ou Córdoba rexistran caídas de ata o 41% en termos nominais e do 60% se se desconta a inflación. Mesmo urbes de maior peso, como Barcelona, Sevilla, Bilbao ou Granada, permanecen varios puntos por debaixo dos seus máximos históricos e non se prevé que recuperen esas marcas a curto prazo.

Fonte.- Expansión