A Xunta anima en Monterrei a solicitar as axudas á rehabilitación de vivenda para persoas traballadoras co fin de contribuír á fixación de poboación no rural | Observatorio de Vivenda

A Xunta anima en Monterrei a solicitar as axudas á rehabilitación de vivenda para persoas traballadoras co fin de contribuír á fixación de poboación no rural

A Xunta anima en Monterrei a solicitar as axudas á rehabilitación de vivenda para persoas traballadoras co fin de contribuír á fixación de poboación no rural

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo un encontro co tecido empresarial e con entidades da comarca de Verín interesadas na nova convocatoria de impulso á rehabilitación de vivendas destinadas a persoas traballadoras, co gallo de informar sobre os seus requisitos e de animar a solicitar as axudas deica o próximo 15 de xullo, cando remata o prazo. Alí, sinalou que esta bisbarra é unha das máis propicias para o desenvolvemento da nova orde por ter unha alta porcentaxe de vivendas baleiras, polo que cómpre  —dixo— tomar medidas para facer fronte a este desequilibrio.

Nesa liña, o conselleiro sinalou que esta iniciativa conxunta das consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas persegue, por unha banda, atraer talento para garantir a cobertura de vacantes laborais e, por outra, dar unha nova vida a inmobles inhabitados, sen rematar ou deteriorados co obxectivo de fixar poboación no rural galego.

Ata o 95 % da rehabilitación subvencionada

Segundo recordou o conselleiro, a orde consta de dúas liñas: a primeira orientada a empresas e a persoas físicas ou xurídicas, e a segunda dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes, con axudas máximas previstas de ata o 95 % do orzamento da rehabilitación. No caso de que se rehabilite unha vivenda unifamiliar, a cantidade máxima será de 50.000 euros por vivenda no caso de que soliciten a axuda empresas ou persoas físicas, e de 75.000 euros no caso de concellos. En canto aos edificios residenciais colectivos inacabados ou que se encontren en situación de esqueleto inmobiliario, a contía non poderá superar os 30.000 euros por cada unha das vivendas que formen parte do inmoble, nin a cantidade conxunta para todo o inmoble de 300.000 euros.

No marco das dúas liñas de axudas existentes, a orde contempla así dúas variables. A primeira, que sexan as empresas con centros de traballo en Galicia as que sexan propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do uso das vivendas por un prazo mínimo de 10 anos e decidan rehabilitalas para destinalas á residencia habitual das súas persoas traballadoras, contribuíndo así á cobertura das súas propias vacantes. A segunda, que esas empresas cheguen a acordo cunha ou varias persoas propietarias de vivendas da zona, ou mesmo con concellos, para que sexan eles quen se encarguen de rehabilitar os inmobles en beneficio último dos traballadores desas empresas.

Fixación de poboación

Deste xeito, González fixo fincapé en que as vivendas deben destinarse a persoas traballadoras, en réxime de alugueiro ou de cesión de uso.  Non poderán estar situadas a unha distancia superior a 15 quilómetros do centro de traballo onde estea contratada a persoa destinataria final, sempre nun concello con menos de 20.000 habitantes.

Ao analizar as solicitudes, priorizaranse os municipios de menos de 5.000 habitantes —cuestión que cumpren case todos os da comarca de Verín— e terase en conta tanto a distancia entre a vivenda e o traballo como a distancia ata unha parada de transporte público ou unha vía de alta capacidade. Darase prioridade ás persoas beneficiarias finais que traballen en sectores estratéxicos —como pode ser o agraolimentario, o forestal ou o dos coidados de persoas— e valorarase tamén a sostibilidade das rehabilitacións.

Diálogo Social

O conselleiro aludiu ás novas axudas como unha orde sen precedentes, que permite avanzar na cobertura de vacantes á vez que dota as persoas traballadoras —tanto á forza laboral interna, como á exterior necesaria— do acceso á vivenda imprescindible para que poidan aceptar un emprego e establecerse con todas as garantías. Da mesma maneira, destacou, estamos ante unha nova era inédita no eido do Diálogo Social en Galicia, tras institucionalizar esta ferramenta de consenso entre Xunta, patronal e centrais sindicais. 

Nese senso, puxo de relevo as comparecencias técnicas que se están producindo no seo do grupo de traballo de Mellora do benestar laboral e redución do impacto do absentismo, co gallo de acordar novas medidas neste eido e incorporalas ao futuro plan integral sobre esta cuestión. Estas actuacións sumaríanse ás xa adoptadas desde o ámbito sanitario galego —á marxe das competencias do Goberno central— para mellorar a xestión e control das baixas, incorporando cuestións relacionadas co benestar laboral nas empresas, a prevención de riscos laborais e o descenso da sinistralidade co fin de reducir as baixas que son evitables velando en todo momento polos dereitos das persoas traballadoras. 

Fonte.- Xunta de Galicia