A Xunta aproba a primeira orde para rehabilitar vivendas destinadas a traballadores co obxectivo de cubrir vacantes e fixar poboación no rural | Observatorio de Vivenda

A Xunta aproba a primeira orde para rehabilitar vivendas destinadas a traballadores co obxectivo de cubrir vacantes e fixar poboación no rural

A Xunta aproba a primeira orde para rehabilitar vivendas destinadas a traballadores co obxectivo de cubrir vacantes e fixar poboación no rural

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou lanzar por primeira vez “unha liña de axudas para rehabilitar vivendas en concellos de menos de 20.000 habitantes que vaian destinadas a traballadores en centros da contorna”. “Queremos facilitar que vivan no rural as persoas que traballen alí”, indicou.

Esta convocatoria bianual (2026-2027), conxunta das consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e dotada de 1,5 millóns de euros, busca dar resposta tanto ás necesidades de man de obra do tecido produtivo —priorizando sectores estratéxicos— como ás de acceso á vivenda das persoas traballadoras, ao tempo que se avanza na fixación de poboación e na vertebración do territorio galego.

Poderán beneficiarse das axudas os propietarios, usufrutuarios ou cesionarios do uso desas vivendas por un prazo mínimo de 10 anos, xa sexan as propias empresas que contratan ou persoas físicas e concellos que se comprometan con elas a destinar os inmobles que rehabiliten aos seus traballadores.

Para garantir a cobertura das vacantes laborais botando man —cando sexa necesario— da atracción do talento exterior, Rueda explicou que á hora de valorar as solicitudes “terán prioridade” vivendas que sexan para persoas contratadas ao abeiro do programa Retorna Cualifica Emprego ou que “teñan unha bolsa excelencia mocidade exterior (BEME) para estudar un mestrado na comunidade”.

Requisitos e valoración

A orde —que se publicará no Diario Oficial de Galicia na primeira quincena de maio— recolle dúas liñas. Por unha banda, a destinada tanto ás empresas como ás persoas físicas que se comprometan con elas a destinar as vivendas que rehabiliten ás súas persoas traballadoras, dotada con 750.000 euros. Por outra, a dirixida aos concellos que tamén subscriban coas empresas o oportuno instrumento xurídico, con outros 750.000 euros. Da contía total de 1,5 M€, 600.000 euros corresponden á presente anualidade e os restantes 900.000 euros, á de 2027.

As axudas poderán destinarse tanto á rehabilitación de vivendas unifamiliares como de edificios residenciais colectivos inacabados ou que se encontren en situación de esqueleto inmobiliario, neste último caso ata un máximo de 10 axudas. Inclúese como subvencionable a terminación e/ou ampliación dos inmobles e as obras de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sustentabilidade ou eficiencia enerxética, e mesmo actuacións preparatorias como informes técnicos ou gastos de tramitación. A maiores da axuda para a rehabilitación, os interesados poderán solicitar a contratación do seguro de impago do alugamento ou cesión de uso. “As axudas oscilarán entre os 30.000 e os 75.000 € como máximo”, indicou.

Á hora de puntuar as solicitudes, e máis aló da mencionada valoración das persoas beneficiarias do Retorna cualifica emprego e das BEME como destinatarias finais,  teranse en conta outras cuestións como que as vivendas sexan para persoas traballadoras “de sectores estratéxicos para Galicia”, concretamente o da automoción, naval, metalmecánico, téxtil-moda, TIC e industrias culturais, así como as actividades agroalimentarias, pesqueiras, forestais ou de coidados de maiores, pola súa contribución ao desenvolvemento económico, a cohesión territorial e a fixación de poboación. A maiores, avaliarase a distancia entre os inmobles e os centros de traballo correspondentes —non poderán acollerse a axuda os situados a máis de 15 km—, o tamaño poboacional do municipio e a súa evolución demográfica nos últimos dez anos —así como que a vivenda se sitúe nunha área Rexurbe— ou as condicións de sostibilidade da rehabilitación, mellorando a eficiencia enerxética ou empregando materiais de baixo impacto ambiental e técnicas de construción sostible.

Compromiso coa empregabilidade e co acceso á vivenda

A nova orde conxunta das consellerías de Emprego e Vivenda alíñase cos principais retos de ambos os departamentos. No primeiro caso, permite avanzar na cobertura de vacantes por parte do tecido produtivo, proporcionándolles ás persoas traballadoras o acceso á vivenda imprescindible para que poidan aceptar un emprego e establecerse con todas as garantías, tanto á forza laboral interna como á exterior necesaria para seguir avanzando no encaixe de oferta e demanda que redunde no desenvolvemento económico. 

Fonte.- Xunta de Galicia