A Xunta compromete 28 M€ de fondos propios para a urbanización do ámbito San Mauro en Pontevedra e prevé máis de 380 M€ de investimento inducido | Observatorio de Vivenda

A Xunta compromete 28 M€ de fondos propios para a urbanización do ámbito San Mauro en Pontevedra e prevé máis de 380 M€ de investimento inducido

A Xunta compromete 28 M€ de fondos propios para a urbanización do ámbito San Mauro en Pontevedra e prevé máis de 380 M€ de investimento inducido

A Xunta compromete 28M€ de fondos propios para a urbanización do ámbito de San Mauro en Pontevedra, e prevé máis de 380M€ de investimento inducido. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial de Pontevedra, Agustín Reguera, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, destacou hoxe que o PIA de Pontevedra permitirá crear “un novo barrio que albergará a 4.000 persoas” nas 2.010 vivendas previstas, o 80% protexidas.

O de Pontevedra é o quinto dos doce Proxectos de Interese Autonómico (PIA) para desenvolver solo residencial que está a desenvolver a Xunta que acada a aprobación inicial e subliñou que “fronte aos anuncios baleiros e o fume doutros, a Xunta segue traballando arreo para facilitar o acceso á vivenda”.

Neste senso, subliñou que o PIA de San Mauro abrangue ao redor de 21 hectáreas, que a Xunta urbanizará a través dunha estratexia urbana, ecolóxica e ambiental, e que terá coma eixo principal de ordenación o regato da Ponte do Couto. Este eixo discorre da noreste ao sudeste, definindo un percorrido peonil que conectará coa trama urbana e que permitirá crear un gran parque fluvial continuo.

As 2.010 vivendas previstas (1.643 protexidas e 367 libres) distribuiranse en dúas tipoloxías, vivenda colectiva en bloque aberto (con baixo e 3 alturas e baixo e 6) e vivenda unifamiliar. Todos os fogares protexidos, sexan de promoción pública ou privada, terán cualificación permanente, tanto os destinados á venda como a alugueiro.

O espazo manterá as características naturais actuais e a permeabilidade coa que se deseñarán as edificacións permitirá integralos a modo de edificios inseridos nun gran parque.

Para zonas verdes e espazos libres resérvanse 67.564 m². Incorporaranse áreas verdes complementarias distribuídas estratexicamente e ligadas ao gran parque fluvial e,neste senso, está prevista a plantación ou conservación de 2.300 árbores.

No que atinxe aos equipamentos públicos, ocuparán un área de case 29.000 m². Ademais, prevense 3.000 prazas de aparcamento.

Allegue destacou así mesmo que e a urbanización permitirá dotar ao ámbito de todos os servizos: saneamento, abastecemento, pluviais, redes de iluminación, de gas e de telecomunicacións, todo  integrado polo sistema viario definido.

Prazos

Tras a publicación hoxe da aprobación inicial do PIA no Diario Oficial de Galicia, iniciarase un período de información pública de 15 días naturais para a presentación de alegacións

O seguinte paso será a análise dos informes sectoriais xa solicitados e previsión é que o PIA conte coa aprobación definitiva este ano. Paralelamente, traballarase no proxecto de expropiación e no de urbanización e estímase que licitará a obra de urbanización no vindeiro ano 2027.

Investimento en vivenda en Pontevedra

A conselleira incidiu no investimento que a Xunta está a realizar en Pontevedra e que cifrou en 60M€, con 3,6M€ que corresponden a fondos europeos e “cero euros finalistas do Estado”: “Esperemos que coa aprobación do Plan Estatal de Vivenda, que chega tarde, poidamos colaborar e cooperar con financiamento estatal para seguir a construír vivenda”, sinalou.

Están en marcha na cidade 300 vivendas, das que 235 se sitúan en Valdecorvos, onde proximamente se rematará a promoción de 74 vivendas públicas que xa contan con adxudicatarios definitivos. A conselleira adiantou que o 24 de abril se celebrará o sorteo para adxudicarlles as vivendas concretas.

Ademais, neste barrio tamén están en obras outras 56 vivendas, así como licitados os traballos doutra promoción de 48 vivendas, para a que se recibiron 13 ofertas. E están en redacción os proxectos para converter locais en 3 vivendas.

Allegue indicou que proximamente se licitarán tamén as obras das futuras 118 vivendas nas tres parcelas que o Concello cedeu en Valdecorvos, As Devesas e Tafisa.

E a Xunta avanza para construír 63 vivendas públicas nos terreos do parque de maquinaria na avenida de Uruguai, para o que xa se remitiu a solicitude de segregación da parcela da súa titularidade ao Ministerio de Transportes.

Fonte.- Xunta de Galicia