A Xunta de Galicia garante o 100 % do custo da vivenda aos beneficiarios do Bono de Alugueiro Social ata finais de 2020 

A Xunta de Galicia garante o 100 % do custo da vivenda aos beneficiarios do Bono de Alugueiro Social ata finais de 2020 

A Xunta de Galicia prolongará ata finais de 2020 a súa axuda extraordinaria aos beneficiarios do Bono de Alugueiro Social de tal xeito que non teñan que aboar nada pola renda da súa vivenda durante o que resta de ano. Esta medida, en virtude da cal o Goberno autonómico asume o 100% do custo do alugueiro, fíxose efectiva por primeira vez no mes de abril e volveu repetirse en maio. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe, 22 de maio de 2020, a Resolución pola que se resolve a concesión directa da axuda complementaria á dos programas do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.

Deste xeito, prolóngase esta axuda extraordinaria ata decembro de 2020 coa intención de beneficiar a unhas mil familias vulnerables que xa están percibindo o devandito Bono ou ás que se lles concederá nos vindeiros meses.

Trátase dunha medida do Goberno galego en previsión dos efectos negativos derivados da crise do COVID-19, polo que se considerou necesario estender a medida a todo o exercicio 2020, tendo en conta sobre todo a situación de especial vulnerabilidade das unidades de convivencia beneficiarias deste programa e a previsible evolución da situación creada pola pandemia, con consecuencias negativas para as súas economías domésticas que poderán manterse durante un espazo de tempo superior ao propio estado de alarma.

 

Fonte | IGVS