A Xunta garante o apoio ás máis de 8.000 familias monoparentais con medidas como o novo beneficio fiscal para comprar vivenda ou o certificado dixital | Observatorio de Vivenda

A Xunta garante o apoio ás máis de 8.000 familias monoparentais con medidas como o novo beneficio fiscal para comprar vivenda ou o certificado dixital

A Xunta garante o apoio ás máis de 8.000 familias monoparentais con medidas como o novo beneficio fiscal para comprar vivenda ou o certificado dixital

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, reiterou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia con todas as familias, en especial, con aquelas que precisan dun maior apoio como as  máis de 8.000 monoparentais que xa dispoñen do certificado expedido pola Xunta de Galicia. Díxoo nunha xuntanza organizada esta fin de semana por Fagamos, entidade que representa a este colectivo, e que tivo lugar na Residencia de Tempo Libre do Carballiño.

Neste sentido, Jacobo Rey, lembrou as melloras impulsadas polo Executivo autonómico en beneficio destas unidades familiares, que desde principios deste ano poden solicitar ou renovar o seu certificado en liña, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Este novo sistema reduce a documentación, axiliza os trámites e permite dispoñer dun sistema de rexistro. Ademais, as familias poden ter o seu certificado en formato dixital.

Esta mellora súmase á ampliación da vixencia deste documento acreditativo ata que o fillo pequeno cumpra 26 anos, no caso das familias nas que existe un só proxenitor; mentres que para as familias con máis dun a vixencia pasa de dous a cinco anos.

Tamén lembrou a aprobación dunha baixada de impostos para estas familias na compra de vivenda habitual, xa que desde o 1 de xaneiro este colectivo benefíciase dunha redución do Imposto de Transmisións Patrimonais do 8% ao 3%, que é incluso do 0% para as zonas pouco poboadas.

O director xeral sinalou que as familias monoparentais teñen recoñecida a categoría de especial consideración na Lei de familias galegas de 2011 e que a Lei de impulso demográfico de 2021 ampliou o concepto de familia monoparental a todas aquelas nas que só proxenitor ten a custodia exclusiva do fillo ou fillos, aínda que perciba doutro proxenitor unha pensión de alimentos. Isto supuxo un notable incremento deste tipo de familias, que pasou de 1.495 con certificado oficial da Xunta no 2021 ás máis de 8.000 con recoñecemento legal que hai na actualidade.

Validez autonómica

Jacobo Rey lamentou que o certificado de familia monoparental só sexa válido na nosa comunidade autónoma, xa que a día de hoxe aínda non hai unha normativa a nivel nacional que lle dea cobertura en todo o Estado. Ao respecto, lembrou que o Goberno central mantén paralizada no Congreso a nova Lei de familias.

As familias monoparentais galegas poden acceder a diferentes vantaxes e servizos co certificado expedido pola Xunta. Así, destaca a preferencia no acceso á vivenda de protección autonómica, puntuación adicional no baremo para a adxudicación de prazas nas escola infantís públicas de 0 a 3 anos ou prioridade na admisión de alumnado en centros educativos de 2º ciclo de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato. 

Fonte.- Xunta de Galicia