A Xunta instala unha pasarela peonil paralela á ponte da estrada OU-150 en Cudeiro, en Ourense | Observatorio de Vivenda

A Xunta instala unha pasarela peonil paralela á ponte da estrada OU-150 en Cudeiro, en Ourense

A Xunta instala unha pasarela peonil paralela á ponte da estrada OU-150 en Cudeiro, en Ourense

A Xunta instala unha pasarela peonil paralela á ponte da OU-150 na parroquia de Cudeiro, en Ourense, na que inviste máis de 435.000€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou hoxe os traballos de instalación da estrutura metálica deste novo paso.

A nova pasarela discorre paralela á ponte sobre o rego Val dos Gozos, na parroquia de Cudeiro, terá unha lonxitude de 60 metros e conectará con dous treitos da estrada OU-150 que xa contaban cunha senda e con beirarrúas, para conformar así un itinerario peonil continuo.

Allegue puxo en valor o proceso de instalación desta pasarela, que chega fabricada por partes para reducir o tempo de montaxe. Na colocación utilízanse dúas autogrúas e, en primeiro lugar, instalouse o apoio central para posteriormente colocar os dous vans cos que conta e ensamblar o conxunto. “Gústanos comprobar como se materializan proxectos, como pasan do plano á realidade”, destacou a conselleira, que tamén salientou a utilización de materia prima “de Galicia Calidade” na construción do novo paso.

A estrutura da pasarela é de aceiro e para o pavimento e os pasamáns emprégase madeira de piñeiro, mentres que os estribos contarán con revestimento de coieira para acadar unha imaxe acorde coa ponte e a paisaxe próxima.

A conselleira destacou esta actuación en materia de seguridade viaria e mobilidade sostible, que permitirá que os peóns poidan desprazarse a pé pola zona sen necesidade de cruzar a ponte, e puxo tamén en valor o seu deseño moderno é sostible, que busca tamén a integración na contorna.

Reapertura do tráfico

Os traballos de instalación da estrutura da pasarela motivaron o corte do tráfico desde o martes na ponte, a fin de desenvolver os traballos con seguridade e prevese que finalice neste venres 15.

Despois desta montaxe principal, quedan traballos na varanda, canalizacións, e o pavimento de madeira para completar a actuación. O proxecto inclúe ademais a dotación de iluminación da pasarela, para gañar seguridade, e a canalización de telecomunicacións. Prevese que os traballos estean rematados a finais de xuño ou comezos de xullo.

Fonte.- Xunta de Galicia