A Xunta investirá 13,5 M€ no PIA de Ourense, onde proxecta 1.435 vivendas e máis de 45.000m2 de espazos libres e verdes | Observatorio de Vivenda

A Xunta investirá 13,5 M€ no PIA de Ourense, onde proxecta 1.435 vivendas e máis de 45.000m2 de espazos libres e verdes

A Xunta investirá 13,5 M€ no PIA de Ourense, onde proxecta 1.435 vivendas e máis de 45.000m2 de espazos libres e verdes

A Xunta investirá 13,5M€ no Proxecto de Interese Autonómico (PIA) de Ourense, onde proxecta 1.435 vivendas e máis de 45.000 metros cadrados de espazos libres e verdes. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, presentou hoxe o deseño para este ámbito, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo. Ao citado investimento da Xunta no desenvolvemento e urbanización do ámbito, hai que sumar o investimento inducido por parte de promotores, cooperativistas e tamén da Xunta, que se estima en 250M€ para a construción das 1.435 vivendas previstas, das que o 80% serán protexidas.

A conselleira puxo en valor a aposta da Xunta en materia de vivenda en Ourense e destacou que, ademais da construción de fogares públicos en Cambedo da Raia, o Goberno galego apostou polo desenvolvemento do ámbito do Vinteún cun proxecto clave para garantir o solo residencial do futuro e “que esta cidade siga crecendo”, cun deseño que coida a integración paisaxística, a mellora ambiental e a mobilidade sostible.

Deste xeito, o PIA deseña un barrio no que as futuras vivendas estarán acompañadas de zonas verdes, de espazos públicos de calidade, de itinerarios amables e de lugares para o encontro. “Este é un proxecto pensado para integrarse no Vinteún, para coser, para conectar, para seguir a facer cidade -subliñou- e con esta maneira de construír que temos dende a Xunta, desa Galicia Calidade. Esta é a imaxe do futuro moi próximo da continuidade do barrio do o Vinteún para esta cidade das Burgas”.

Deseño

O PIA desenvólvese nun ámbito urbanizable de arredor de 135.000 m2, situado ao norte da cidade e completará o barrio do Vinteún. O emprazamento discorre o rego do Cudeiro e o proxecto organiza unha estrutura verde arredor deste espazo protexido, un parque de ao redor de 35.000m2 conectado co barrio, coa contorna e co Camiño de Santiago, convertendo ese espazo natural nun eixo de convivencia, paseo a través de sendeiros e mobilidade sostible.

El 85% do solo destínase á suma de espazos verdes e libres, equipamentos e sistema viario. Os primeiros ocuparán 45.383 m2 (prevese a plantación de máis de 1.300 árbores), mentres que para equipamentos resérvanse 21.006 m2 e para o sistema viario 30.776 m2. Neste último espazo, prevense máis de 300 prazas de aparcamento públicas.

O outro 15% do ámbito destínase ás parcelas edificables para as 1.435 vivendas estimadas, que se integrarán en bloques de varias alturas, e que se deseñarán tendo en conta precisamente a traza do rego do Cudeiro. Todas elas serán de tipoloxía de edificación aberta, de xeito que todas as dependencias dos fogares serán exteriores con vistas aos espazos libres e ao sistema viario.

Todos os fogares protexidos, sexan de promoción pública ou privada, terán cualificación permanente, tanto os destinados á venda como a alugueiro.

Allegue destacou que e a urbanización permitirá dotar ao ámbito de todos os servizos: saneamento, abastecemento, pluviais, redes de iluminación, de gas e de telecomunicacións, todo  integrado polo sistema viario.

Prazos

Tras a aprobación inicial do PIA o pasado luns no Consello da Xunta e da publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia, ábrese un prazo de 15 días para a presentación de alegacións. 

O seguinte paso será a análise dos informes sectoriais xa solicitados e previsión é que o PIA conte coa aprobación definitiva este ano. Paralelamente, traballarase no proxecto de expropiación e no de urbanización e estímase que licitará a obra de urbanización no vindeiro ano 2027 para chegar ao 2028 coas obras de urbanización. Simultanearase a urbanización coa edificación para poder dispor desta bolsa de vivenda o antes posible.

Fonte.- Xunta de Galicia