A Xunta multiplica por dez o orzamento para a construción de vivenda pública desde o inicio da lexislatura e blinda a protección das vivendas de Casa47 en Galicia | Observatorio de Vivenda

A Xunta multiplica por dez o orzamento para a construción de vivenda pública desde o inicio da lexislatura e blinda a protección das vivendas de Casa47 en Galicia

A Xunta multiplica por dez o orzamento para a construción de vivenda pública desde o inicio da lexislatura e blinda a protección das vivendas de Casa47 en Galicia

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, salientou hoxe que a Xunta multiplica por dez o orzamento para a construción de vivenda pública desde o inicio da lexislatura e blinda a protección de todas as vivendas de Casa47 na nosa Comunidade. 

Durante a súa comparecencia na Comisión 3ª no Parlamento para explicar os Orzamentos da Consellería, subliñou que as contas consolidan o compromiso da Xunta co acceso á vivenda, a mellora das infraestruturas e unha ordenación territorial que contribúa a xerar oportunidades en todo o territorio.

Allegue explicou que o orzamento da Consellería medra un 5%, pasando dos 560M€ aos 588M€. Ademais, precisou que o orzamento concreto do Instituto Galego da Vivenda e Solo medra un 8,5% ata chegar os 293M€.

Así mesmo, a mobilización de fondos para políticas de vivenda chega aos 800 M€ grazas aos 224M€ de VIPUGAL, que se incrementan un 188% respecto ao ano pasado; e ao orzamento do Consorcio do Casco Vello para rehabilitar vivendas do centro histórico.

Investimento histórico para construír vivenda

M. Allegue puxo o acento nos preto de 520M€, un 50% máis, que se destinan especificamente ás políticas de vivenda. Destes, 326M€, o dobre que o ano pasado, se reservarán á construción de novos fogares de promoción pública, redobrando a aposta do exercicio anterior, multiplicando por dez a inversión desde o inicio da lexislatura.

Sinalou, tamén, que dos 520M€ que dispón a Xunta, 418M€ corresponden a fondos propios da comunidade autónoma, o 80 % do orzamento destinado ás políticas de vivenda, contando soamente con 51M€ do orzamento a fondos finalistas do Estado, “menos dunha décima parte. Non chega ao 10%” e nin un só euro para a construción de vivenda.

Apuntou ao obxectivo da Xunta de alcanzar as 8.000 vivendas de titularidade pública en 2028, unha meta que se apoia na promoción directa do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), na actividade da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), na colaboración cos concellos e na mobilización de novas fórmulas para ampliar a oferta dispoñible.

Na actualidade, a Xunta ten 4.670 novas vivendas públicas en marcha, preto de 1.900 están en obras, e comezou a entregar as primeiras promocións en Pontevedra e Santiago de Compostela. Citou, ademais, a colaboración municipal como unha vías para seguir incrementando o parque público no 2027, mediante a cesión gratuíta de solo por parte dos concellos, xa son 18 os que xa cederon solo.

E adiantou como nova medida para 2027, a obriga de cualificar como protexidas as vivendas que sexan propiedade dunha Administración pública ou dunha sociedade pública, como Casa 47. Segundo dixo, esta medida permitirá garantir a súa protección permanente, un prezo taxado e a adxudicación a través do Rexistro de Demandantes de Vivenda. En canto ao prezo, as rendas roldarían os 400 €., fonte aos pisos por 800€ que ofrece Casa47 en Vigo.

A conselleira lembrou tamén que a Xunta ten rexistradas 3.853 vivendas baleiras, das que preto do 61 % son propiedade da Sareb, e reiterou a reclamación ao Goberno central para que ceda estes inmobles á Administración autonómica co obxectivo de ampliar a oferta pública.

Nova reserva de vivendas públicas

Allegue salientou que, a partir de 2027, se reforzará os criterios de acceso á vivenda pública para dar prioridade ás persoas que levan máis tempo agardando por unha adxudicación.

Avanzou que se establecerá unha nova reserva de vivenda nas novas promocións públicas: O 20% para os que leven máis de 5 anos inscritos. Esta porcentaxe aplicarase tanto para o cupo xeral como para os cupos específicos.

Tamén, todas as VPP que se adxudiquen de novo, unha vez acondicionadas e reformadas, serán adxudicadas directamente por orde de antigüidade no rexistro de demandantes.

En paralelo, a Xunta continuará facilitando o acceso á vivenda pública aos diferentes colectivos. Mantense a reserva do 25 % das vivendas protexidas en compra para menores de 36 anos e do 30 % para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos/as, así como a reserva do 40 % das vivendas en alugueiro para a mocidade. Mantense o límite de ingresos para acceder a estas vivendas ata 4 veces o IPREM, ou 4,5 veces no caso das familias numerosas.

Duplícase o investimento en solo residencial ata os 37,5 M€

O desenvolvemento de solo constitúe outro dos piares da política de vivenda das contas do 2027, que pretende dispoñer de terreos suficientes para construír 25.000 novas vivendas, das que polo menos 20.000 serán protexidas, con prezos accesibles, cualificación permanente e adxudicación a través do Rexistro de Demandantes.

Indicou que a Estratexia Galega de Solo Residencial continuará avanzando mediante os Proxectos de Interese Autonómico (PIA), unha figura coa que xa se delimitaron 13 ámbitos residenciais en 12 concellos, sete deles con aprobación inicial. Este ano avanzarase en Lugo, Vigo, Arteixo, Pontevedra, Ourense, A Coruña e Santiago de Compostela. E se segue avanzando na tramitación doutros 6 PIAS en diferentes concellos, como Marín, O Porriño, outro en Vigo, Vilagarcía de Arousa, Ribadeo, Cangas.

A este respecto, subliñou que o ano 2027 será clave para pasar da planificación á execución, coa adquisición de terreos, o inicio das obras de urbanización nos ámbitos máis avanzados e o impulso dos procedementos nos restantes. Para iso, o orzamento destinado ao desenvolvemento de solo residencial duplícase ata acadar os 37,5 M€.

27 M€ para impulsar a vivenda protexida

A conselleira explicou que a Xunta reforzará tamén a promoción de vivenda protexida, tanto en solo público como privado, cun investimento total de 27 M€. Esta partida inclúe unha nova liña pioneira de axudas aos concellos, dotada con 7 M€, que permitirá financiar ata 80.000 euros por vivenda.

No ámbito fiscal, segundo apuntou, incorporarase unha dedución do 100 % nas operacións de vivenda protexida. Ademais, crearase unha vía de urxencia para tramitar as autorizacións, licenzas, informes sectoriais e conexións necesarias para desenvolver estes proxectos.

Seguirase a colaborar cos concellos para facilitar a mobilización dos solos de titularidade municipal, a través da plataforma de solo, á que xa están adheridos 12 concellos, e tamén a través do fondo de cooperación específico para financiar a construción de vivenda protexida.

Ademais, a Xunta prorrogará ata 2030 diversas medidas extraordinarias incorporadas nas leis de medidas de 2025 e 2026, como a posibilidade de destinar solos dotacionais a vivendas protexidas sen modificar o planeamento, facilitar a promoción municipal de PIA cando polo menos o 80 % das vivendas resultantes sexan protexidas e permitir a conversión de baixos en vivendas ou o remate de estruturas inacabadas.

Máis de 71M€ ao alugueiro, á compra e á mobilización de vivendas baleiras

Concretou que os orzamentos de 2027 destinan máis de 71M€ aos programas de axudas á vivenda incluídos no II Pacto de Vivenda de Galicia. En concreto, as axudas específicas para facilitar o acceso á vivenda medran un 5,5 %, ata superar os 46M€.

Manterase o Bono Alugueiro Social, e incrementará en 50 euros mensuais a achega das axudas ao alugueiro para a mocidade, ata acadar os 300 euros. Ademais, porase en marcha o Bono para Entidades e manterá o programa de axudas ao alugamento de vivendas.

O programa Fogar Vivo continuará a mobilizar vivendas baleiras cara a súa incorporación ao mercado do alugueiro, cunha dotación de 2,8M€ en 2027. Lévanse concedidas máis de 500 axudas por un importe de 3M€.

No ámbito da axuda á compra da primeira vivenda, M. Allegue sinalou que se ampliará ata os 46 anos a idade para acceder ao programa de avais, e manterase o aval para adquirir vivenda de protección autonómica sen límite de idade. Tamén manterá as axudas para a adquisición de vivenda por parte da mocidade en concellos de menos de 10.000 habitantes, para a compra de vivenda protexida e para inmobles situados en centros históricos. Estas liñas contarán con 1,8 M€, 1,5 M€ e 500.000 euros, respectivamente.

Máis de 30 M€ para rehabilitación e rexeneración urbana

A conselleira incidiu en que nestes orzamento seguirá apoiando a rehabilitación polo seu papel fundamental na recuperación do patrimonio edificado e na incorporación de novos inmobles ao uso residencial. Para iso, o departamento que dirixe destinará máis de 30 M€ a actuacións en vivendas e edificios, centros urbanos e ámbitos de especial interese.

Pola súa banda, o programa Rexurbe contará con 8,8 M€ para actuacións que se están a desenvolver na Coruña, Ferrol, Lugo, Mondoñedo e Ribadeo. Ao seu remate, poranse ao servizo da cidadanía arredor de 30 novas vivendas en réxime de alugueiro accesible.

Fonte.- Xunta de Galicia