A Xunta reivindica o éxito do programa Fogar Vivo para mobilizar e incentivar a posta no mercado de vivendas baleiras | Observatorio de Vivenda

A Xunta reivindica o éxito do programa Fogar Vivo para mobilizar e incentivar a posta no mercado de vivendas baleiras

A Xunta reivindica o éxito do programa Fogar Vivo para mobilizar e incentivar a posta no mercado de vivendas baleiras

O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, reivindicou hoxe no Parlamento o traballo da Xunta en materia de alugueiro, a través de Fogar Vivo, unha ferramenta “consolidada, ambiciosa e eficaz” para mobilizar e incentivar a posta no mercado de vivenda baleira.

Na súa intervención na Comisión 2ª, lembrou que a Xunta leva décadas desenvolvendo iniciativas para incentivar a incorporación de vivendas ao mercado do alugueiro, situándose entre as comunidades pioneiras neste ámbito. Iniciativas que, destacou, evolucionaron ata o actual Fogar Vivo, e que cualificou como “o máis ambicioso en canto a axudas aos propietarios”. Indicou que o programa cumpre cos requisitos que se propoñen noutras iniciativas, “sen concreción”, como o denominado Banco Público de Alugueiro, ao ofrecer garantías fronte a impagos e danos, establecer prezos accesibles segundo áreas xeográficas e promover contratos de longa duración.

Así, detallou que os propietarios poden recibir ata 3.000 euros para seguros durante cinco anos, ademais de axudas para rehabilitación e equipamento que poden acadar os 16.000 euros a fondo perdido. A estas medidas súmanse incentivos fiscais, con bonificacións de ata 9.500 euros polas actuacións de adecuación e polas rendas percibidas.

En conxunto, explicou que un propietario pode percibir ata 25.500 euros en axudas e beneficios fiscais, configurando “un dos programas máis completos e ambiciosos do conxunto do Estado”. Recursos públicos da Xunta que, en palabras do secretario xeras de Vivenda e Urbanismo, é necesario utilizar para paliar as nefastas medidas implantadas polo Goberno do Estado en materia de regulación do alugueiro

García Porto tamén puxo en valor a colaboración cos concellos, lembrando que Fogar Vivo conta cunha liña específica para administracións locais que permite captar vivendas e xestionar a súa adxudicación. Neste eido, destacou o caso de Ames, como exemplo de éxito na mobilización de vivenda. Aquí  referiuse tamén a outros concellos que asegurou  serían “moi benvidos” no caso de adherise a Fogar Vigo como Lugo, Vigo e a Coruña.

Incremento orzamentario do 50%

O secretario xeral incidiu no crecemento do programa, que en 2026 incrementa o seu orzamento preto dun 50%, pasando de máis de 1,8 M€ a case 2,8 M€. Lembrou tamén que na convocatoria de 2025 foi necesario ampliar os fondos iniciais, que pasaron de 779.760 euros a máis de 1,8 millóns, e que finalmente se concederon 239 axudas por importe superior a 1,4M€.

Salientou que a Xunta continuará traballando para que Fogar Vivo se consolide e incremente de maneira notable os seus beneficiarios Ademais, destacou que na convocatoria actual, aberta desde o 9 de marzo, xa se rexistraron arredor de 200 solicitudes no primeiro mes, que son a metade de todas as de 2025. O prazo permanecerá aberto ata o 3 de xuño, polo que se agarda superar as cifras do ano pasado.

Advertencia sobre a normativa estatal

García Porto advertiu dos obstáculos que dificultan a mobilización de vivenda, sinalando especialmente a normativa estatal en materia de alugueiro, que —segundo indicou— xera incerteza nun mercado caracterizado en Galicia polo predominio de pequenos propietarios, moitos deles de idade avanzada.

Neste contexto, apuntou que esta situación está a favorecer que algúns propietarios opten por alternativas como o alugueiro de tempada, o turístico ou a venda dos inmobles, reducindo así a oferta residencial. Así mesmo, considerou que medidas como a declaración de zonas tensionadas poden contribuír a agravar esta tendencia, polo que instou ao Goberno central a impulsar políticas que reforcen a seguridade xurídica, polo que demandou ao Goberno central políticas que dean seguridade xurídica e incentiven o mercado.

Valor diferencial das axudas

García Porto puxo o acento no valor diferencial do programa galego fronte a outras iniciativas anunciadas por outras administracións, incidindo en que Fogar Vivo non só ofrece garantías, senón tamén apoio directo á mellora das vivendas. Entre as actuacións subvencionables inclúese, por exemplo, a dotación de electrodomésticos na cociña, un tipo de apoio que -segundo indicou- non sempre se inclúen, poñendo de exemplo Casa 47 en Vigo, que pretende alugar vivendas e que a cociña a equipen os inquilinos.

Ademais, comparou a política das axudas da Xunta coas doutras comunidades como Cataluña ou Navarra, sinalando que, aínda que tamén contan con liñas de apoio á rehabilitación, os resultados acadados son máis limitados.

García Porto concluíu que, á vista dos datos, o programa Fogar Vivo “non ten nada que envexar” a outras iniciativas impulsadas en diferentes territorios, e amosou o desexo de que os programas que poidan desenvolver concellos como Lugo ou Vigo teñan éxito, “porque o importante é que os cidadáns poidan acceder a vivendas de calidade a prezos razoables”.

Fonte.- Xunta de Galicia