A Xunta sela co Concello de Arbo a colaboración para humanizar a rúa Vázquez Estévez ao abeiro do Plan Hurbe, que suporá un investimento total que roldará os 455.000 euros | Observatorio de Vivenda

A Xunta sela co Concello de Arbo a colaboración para humanizar a rúa Vázquez Estévez ao abeiro do Plan Hurbe, que suporá un investimento total que roldará os 455.000 euros

A Xunta sela co Concello de Arbo a colaboración para humanizar a rúa Vázquez Estévez ao abeiro do Plan Hurbe, que suporá un investimento total que roldará os 455.000 euros

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe co alcalde de Arbo, Horacio Gil, un convenio de colaboración para desenvolver actuacións de humanización neste concello ao abeiro do Plan Hurbe.

O acordo permitirá executar a humanización da rúa Vázquez Estévez, cun investimento total de preto de 455.000 euros. A Xunta financiará o 70% do orzamento e asumirá a contratación e execución das obras, mentres que o Concello achegará o 30% restante e redactará o proxecto.

Tal e como explicou a conselleira, a actuación ten como finalidade acondicionar esta vía para convertela nun espazo máis humano, cómodo e seguro para os desprazamentos a pé da veciñanza. As obras terán un prazo estimado de execución dun seis meses e consistirán na reordenación da rúa para gañar espazos para os peóns, limitando o tráfico aos residentes e vehículos de emerxencia.

Os traballos permitirán ampliar o espazo destinado aos peóns, renovar o pavimento, mellorar a accesibilidade e eliminar barreiras arquitectónicas, ademais de reforzar a seguridade viaria. Tamén se delimitarán as zonas de aparcadoiro, renovaranse as redes de saneamento e abastecemento e instalaranse novos puntos de luz.

Esta intervención desenvolverase a través do Plan Hurbe, programa co que o departamento que dirixe M. Allegue coopera cos concellos galegos para impulsar actuacións de mellora das contornas urbanas e dos equipamentos públicos. O plan contribúe a coidar e protexer o patrimonio, embelecer os pobos e vilas e transformalos en lugares máis amable para vivir e traballar.

As actuacións impulsadas ao abeiro deste programa favorecen tamén a dinamización económica local, apoiando o comercio e o turismo, e contribúen a atraer e fixar poboación, especialmente nos municipios do rural galego.

Fonte.- Xunta de Galicia