A Xunta sitúa a comarca de Verín como unha das contornas máis propicias para beneficiarse das axudas á rehabilitación de vivenda dirixidas a traballadores | Observatorio de Vivenda

A Xunta sitúa a comarca de Verín como unha das contornas máis propicias para beneficiarse das axudas á rehabilitación de vivenda dirixidas a traballadores

A Xunta sitúa a comarca de Verín como unha das contornas máis propicias para beneficiarse das axudas á rehabilitación de vivenda dirixidas a traballadores

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo no Riós un novo encontro con empresariado e representantes de distintas entidades interesadas na nova convocatoria de impulso á rehabilitación de vivendas destinadas a persoas traballadoras, con prazo de solicitude aberto ata o próximo 15 de xullo. Alí, referiuse á comarca de Verín como unha das máis propicias para o desenvolvemento da nova orde por ter unha alta porcentaxe de vivendas baleiras, engadindo que as bases dan prioridade as rehabilitacións nos concellos de menos de 5.000 habitantes, cuestión que cumpren case todos os desta bisbarra.

Na xuntanza, o conselleiro sinalou que a iniciativa conxunta das consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas persegue, por unha banda, atraer talento para garantir a cobertura de vacantes e, por outra, dar unha nova vida a inmobles inhabitados, sen rematar ou deteriorados co obxectivo de fixar poboación no rural galego, poñendo o foco nas localidades de menos de 20.000 habitantes.

Nesa liña, a orde consta de dúas liñas: a primeira dirixida a empresas e a persoas físicas ou xurídicas, e a segunda destinada a concellos, con axudas máximas previstas de ata o 95 % do orzamento da rehabilitación. No caso de que se rehabilite unha vivenda unifamiliar, a cantidade máxima será de 50.000 € no caso de que soliciten a axuda empresas ou persoas físicas, e de 75.000 € no caso de concellos. En canto aos edificios residenciais colectivos inacabados ou que se encontren en situación de esqueleto inmobiliario, a contía non poderá superar os 30.000 € por cada unha das vivendas que formen o inmoble, nin a cantidade conxunta para todo o inmoble dos 300.000 €.

No marco das dúas liñas de axudas existentes, a orde contempla así dúas variables. A primeira, que sexan as empresas con centros de traballo en Galicia as que sexan propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do uso das vivendas por un prazo mínimo de 10 anos e decidan rehabilitalas para destinalas á residencia habitual das súas persoas traballadoras, contribuíndo así á cobertura das súas propias vacantes. A segunda, que esas empresas cheguen a acordo cunha ou varias persoas propietarias de vivendas da zona, ou mesmo con concellos, para que sexan eles quen se encarguen de rehabilitar os inmobles en beneficio último dos traballadores desas empresas.

Deste xeito, González destacou que as vivendas deben destinarse a persoas traballadoras, en réxime de alugueiro ou de cesión de uso. Non poderán estar situadas a unha distancia superior a 15 quilómetros do centro de traballo onde estea contratada a persoa destinataria final, sempre nun concello con menos de 20.000 habitantes.

Valoración das solicitudes

Ao analizar as solicitudes, segundo explicou o conselleiro, terase en conta tanto a distancia entre a vivenda e o traballo como a distancia ata unha parada de transporte público ou unha vía de alta capacidade. Darase prioridade ás persoas beneficiarias finais que traballen en sectores estratéxicos —como pode ser o agraolimentario, o forestal ou o dos coidados de persoas— e valorarase tamén a sostibilidade das rehabilitacións.

O conselleiro concluíu aludindo ás novas axudas como unha orde sen precedentes, que permite avanzar na cobertura de vacantes laborais por parte do tecido produtivo proporcionándolles ás persoas traballadoras o acceso á vivenda imprescindible para que poidan aceptar un emprego e establecerse con todas as garantías. Tanto á forza laboral interna, dixo, como á exterior necesaria para seguir avanzando no encaixe de oferta e demanda que redunde no desenvolvemento económico.

Fonte.- Xunta de Galicia