A Xunta traslada ao Goberno central a súa colaboración para a elaboración da futura Lei estatal de vivenda

A Xunta traslada ao Goberno central a súa colaboración para a elaboración da futura Lei estatal de vivenda

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ofreceu esta mañá ao Goberno central a colaboración da Xunta de Galicia para a elaboración da futura Lei estatal de vivenda, que impulsa a Administración central.

Ángeles Vázquez interveu esta mañá no Pleno do Parlamento, onde destacou que, mentres o Executivo central debate entre intervir nos prezos do mercado, como propón a Vicepresidencia segunda, ou a rebaixa da presión fiscal, medida que defende o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, o Goberno galego ofrece axudas ao alugueiro e seguridade xurídica nestes procedementos.

A conselleira lembrou que a Xunta leva anos traballando nesta liña e avanzará nos vindeiros anos grazas ao Pacto social pola vivenda, unha folla de ruta flexible e aprobada por consenso co sector, no que se recolle un apartado dedicado integramente ás iniciativas orientadas a impulsar o alugueiro de vivenda.

Sobre isto, citou en primeiro lugar o novo programa de alugueiro con opción a compra, pensado para menores de 35 anos, que prevé a inclusión no contrato da opción de compra ata o quinto ano, mantendo o prezo de venda do contrato de arrendamento.

Así mesmo, avanzou que nos vindeiros días se convocarán as axudas para o pago do alugueiro, por un importe de 2,2 millóns de euros e que na actualidade xa reciben máis de 5.000 galegos, e as axudas para persoas en situación de especial vulnerabilidade pola covid-19, por 2 millóns de euros e que xa reciben máis de 1.000 persoas. Estas completarán ás subvencións xa convocadas ao bono alugueiro social, para colectivos desfavorecidos e para as mulleres vítimas da violencia de xénero, por un importe global de 3,6 millóns.

A conselleira de Medio Ambiente sinalou que outra medida para impulsar o alugueiro son as máis de 3.700 vivendas de promoción pública que se destinan ao alugueiro social, así como os 59 inmobles adquiridos ao abeiro do programa Rexurbe, coa previsión de obter máis dun cento de vivendas que se adxudicarán en réxime de alugueiro. Igualmente, as axudas para as vivendas de titularidade municipal, programa co que se recuperaron case 130 vivendas e que se mantén neste ano, pois este mesmo luns se convocou a nova orde por un importe inicial de 1,7 millóns de euros.

Por último, subliñou que tres iniciativas máis, como o programa de Infravivenda (convocado tamén este luns), as axudas a promotores de vivenda para alugueiro (que tamén se convocarán este ano) e a reformulación do programa de mobilización de vivendas baleiras, son outras tres ferramentas deseñadas polo Goberno galego coas que garantir o acceso a unha vivenda.

 

Fonte | Xunta de Galicia