Guía de arquitectura pasiva para vivendas en Galicia

Guía de arquitectura pasiva para vivendas en Galicia

A Guía de arquitectura pasiva para vivendas en Galicia é un documento do Instituto Galego de Vivenda e Solo, publicado en Santiago de Compostela no ano 2017.

En concreto, nace co obxectivo de lles axudar aos profesionais da arquitectura e da construción a lles ofrecer aos cidadáns fogares cada vez máis eficientes. Entre outras cousas, presenta ferramentas tan útiles coma o visor web coa delimitación climática de arquitectura pasiva, desenvolvido polo IGVS no marco do presente proxecto, que permite adoptar as solucións máis axeitadas de acordo coa localización específica do edificio e que, polo tanto, será unha ferramenta importante.

Malia que esta guía pode ser aplicada a calquera tipo de edificación de nova construción, está pensada fundamentalmente para a súa aplicación en edificios de vivendas en Galicia.

Con esta guía preténdese garantir unha construción sustentable baseada no aproveitamento dos recursos naturais e climáticos específicos da zona xeográfica concreta do edificio, co fin de conseguir unha redución do consumo enerxético e da pegada de carbono.

Documento.- Guía de arquitectura pasiva para vivendas en Galicia