O déficit de vivenda podería explicar ata o 39% do encarecemento dos prezos de mercado, segundo CaixaBank Research | Observatorio de Vivenda

O déficit de vivenda podería explicar ata o 39% do encarecemento dos prezos de mercado, segundo CaixaBank Research

O déficit de vivenda podería explicar ata o 39% do encarecemento dos prezos de mercado, segundo CaixaBank Research

O informe "Sectorial Inmobiliario" de CaixaBank Research sinala que a escaseza de vivenda acumulada nos últimos anos en España podería explicar ata un 39% da suba dos prezos no mercado. Segundo a análise, se non existise esta presión derivada da falta de oferta, o custo das casas tería medrado a un ritmo medio anual do 3,7%, fronte ao 6% rexistrado. O déficit acumulado estímase en máis de medio millón de inmobles, unha cifra que aumenta se se teñen en conta as vivendas terminadas ou se restan outros usos diferentes á residencia. A situación é especialmente grave en territorios con alta demanda, como Madrid, Barcelona, Valencia, Málaga ou Alicante, mentres que nas áreas con menor densidade poboacional o impacto é máis limitado.

A pesar de que a construción mostra signos de recuperación, o estudo considera que non chega para compensar a demanda. No primeiro semestre de 2025 o mercado inmobiliario atópase en plena expansión, con preto de 700.000 operacións de compravenda nos últimos doce meses, o que supón un aumento de case o 20% respecto ao mesmo período do ano anterior. Este dinamismo explícase polo mellor acceso ao crédito, a mellora da capacidade adquisitiva das familias e un crecemento demográfico sostido. En paralelo, o ritmo de concesión de visados de obra nova tamén subiu, con máis de 132.000 autorizacións ata maio, un 13% máis ca no exercicio previo.

Outro factor clave é a demanda internacional, que acadou un peso histórico: un 18% das compravendas realizadas ata o primeiro trimestre de 2025 tiveron como protagonistas a compradores estranxeiros, unhas 133.000 operacións. Máis da metade foron realizadas por residentes, pero os non residentes, cun maior poder adquisitivo, inclínanse por vivendas de gama media-alta ou alta, influíndo así na evolución dos prezos en determinados mercados. As zonas costeiras do Mediterráneo e os arquipélagos seguen a ser as máis atractivas, aínda que tamén se detectan novos focos en provincias como Castellón, Asturias, Huelva ou Córdoba.

Fonte.- Idealista