A compravenda de vivenda protexida en Vigo alcanza o seu mínimo histórico

A compravenda de vivenda protexida en Vigo alcanza o seu mínimo histórico

Segundo os datos do Ministerio de Axenda Urbana, en 2023 tan só se rexistraron 18 operacións de compravenda de casas e pisos protexidos en Vigo. É a cifra máis baixa da serie histórica dende que o Ministerio recolle datos, é dicir, dende o ano 2004, salvo o 2020, no que se firmaron 11 operacións, pero claramente afectado pola pandemia do COVID-19. A cifra actual sitúase moi lonxe das 452 transaccións de vivenda protexida rexistradas en 2010, o récord ata dia de hoxe. De feito, o dato de 2010 é moi similar á suma das operacións rexistradas na última década (470 en 2013-2023). 

O concello ten lanzados dous proxectos para a promoción municipal de vivendas en alugueiro: unha edificación dotacional e 40 pisos de protección pública de tres habitacións en Barreiro, e un bloque de nove plantas con 27 vivendas dunha e dúas habitacións en Esturáns. Adicionalmente, o Goberno dotará ao concello de 2,7 millóns con cargo aos fondos europeos Next Generation EU para financiar a construción de 58 vivendas de alugueiro a prezo asequible en Navia. 

No Rexistro de Demandantes de vivendas protexidas, fai unhas semanas eran máis de 7.000 os inscritos no rexistro único da Xunta, aínda que máis de 1.500 foron dados de baixa tras caducar a súa inscripción. Actualmente son 5.624 as persoas inscritas na cidade de Vigo, unha cifra moi superior á oferta. Outra materia pendente é a saída ao mercado de pisos e casas baleiras, segundo Fegein (Federación Galega de Empresas Inmobiliarias), que actualmente sumarían máis de 15.000 segundo a última estimación. 

En comparación ao resto de cidades galegas, Vigo supera en cifras a Pontevedra (9 vivendas protexidas rexistradas en 2023), Ourense (12) e Santiago (11). Quédase por debaixo de A Coruña (41), Lugo (28) e Ferrol (28). En canto a outras cidades cunha poboación similar, como poden ser Xixón (252), Valladolid (160) ou Córdoba (339), Vigo quédase moi debaixo. As cifras tamén son inferiores en relación a outras urbes con menor poboación e demanda, como Almería (80), Pamplona (61) ou Santa Cruz de Tenerife (56).

Fonte.- Faro de Vigo