A firma de hipotecas seguirá crecendo a tipos máis baixos, segundo a Asociación Hipotecaria Española | Observatorio de Vivenda

A firma de hipotecas seguirá crecendo a tipos máis baixos, segundo a Asociación Hipotecaria Española

A firma de hipotecas seguirá crecendo a tipos máis baixos, segundo a Asociación Hipotecaria Española

A evolución do mercado hipotecario en España mantivo unha tendencia positiva en 2024 e prevese que continúe así en 2025. O número de hipotecas constituídas acadou as 423.761, sendo a segunda cifra máis alta en catorce anos. Ademais, os tipos de xuro reducíronse, situándose no 3,25% de media, por debaixo do 3,32% do ano anterior. España continúa ofrecendo hipotecas a un custo máis baixo que a media da zona euro, algo que se atribúe á elevada competitividade do sector bancario no país. A caída do euríbor, que en febreiro de 2025 se situou no 2,407%, beneficiará ás persoas con revisión anual dos seus préstamos, reducindo as súas cotas.

A rebaixa dos tipos de xuro e a estabilización do euríbor en torno ao 2,4% - 2,5% impulsarán a demanda de hipotecas durante 2025. Segundo a Asociación Hipotecaria Española (AHE), en xaneiro deste ano o tipo medio baixou ata o 2,96%, case un punto menos que en 2024. A oferta de crédito mantense atractiva grazas á boa marcha do emprego, a creación neta de fogares e o crecemento da demanda estranxeira de vivenda en España. Estas condicións financeiras favorables fan prever que a concesión de hipotecas continúe en niveis elevados, con posibilidade de novos axustes á baixa nos custos.

Porén, o acceso ao crédito para a compra de vivenda segue concentrándose en persoas con rendas medias e altas, especialmente en grandes cidades como Madrid e Barcelona. Nestes mercados, aínda que os prezos das vivendas son elevados, os compradores adoitan ter máis solvencia e aforro, o que reduce a relación entre préstamo e valor da vivenda. Pola contra, en provincias como Teruel e Badaxoz, onde os prezos son máis baixos, o nivel de endebedamento supera o valor do inmoble. Esta diferenza reflicte a desigualdade no acceso á financiación en función da capacidade económica dos compradores.

Fonte.- El Economista