O Observatorio da Vivenda de Galicia advirte do risco de que a futura lei estatal bloquee a promoción de novas vivendas protexidas

O Observatorio da Vivenda de Galicia advirte do risco de que a futura lei estatal bloquee a promoción de novas vivendas protexidas

Axentes públicos e privados representados no Observatorio comparten a súa inquedanza polo impacto no sector residencial dalgunhas das medidas anunciadas

Ángeles Vázquez comprométese a trasladar ao Goberno central as inquedanzas do sector e lembra que a Xunta esixiu xa o 14 de abril a convocatoria urxente dunha Conferencia Sectorial sobre a futura normativa, petición aínda sen resposta

O Observatorio da Vivenda de Galicia, órgano de carácter consultivo adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, advertiu hoxe de que a aprobación da Lei polo dereito á vivenda nos seus termos actuais podería provocar un bloqueo na construción de novas vivendas protexidas por parte dos promotores privados.

Antes de presidir a reunión, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que en resposta á “grande inquedanza” xerada tras facerse público o contido da futura normativa, considerou necesario convocar “con carácter urxente” o Observatorio, no que están representados promotores e axentes inmobiliarios, asociacións relacionadas co mundo da vivenda, arquitectos e administracións locais, entre outros, co fin de fixar unha postura común desde Galicia.

Ao respecto, os membros do Observatorio da Vivenda de Galicia coincidiron en manifestar a súa preocupación polos posibles impactos negativos que podería ter esta lei sobre o mercado da vivenda en xeral e, máis concretamente, no do alugueiro, provocando distorsións e efectos mesmo contrarios aos que se perseguen.

En concreto, consideraron que a obriga introducida no proxecto de destinar a arrendamento o 50 % das vivendas protexidas que se constrúan en solo de reserva, desincentivará a construtores e cooperativas á hora de implicarse neste tipo de promocións ante a falta de expectativas de lograr un retorno económico inmediato.

“Nós xa temos unha imaxe clara de cara a onde nos vai levar esta lei e por iso agardamos que se retroceda ou que polo menos se nos dea unha explicación”, declarou a conselleira, quen incidiu na importancia de que o Goberno central reúna a todas as Comunidades canto antes para falar sobre unha norma que, recordou, afecta a unha materia na que os Gobernos autonómicos teñen as súas propias competencias.

Neste sentido, lembrou que xa se dirixiu por carta á ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana o pasado 14 de abril para pedirlle a convocatoria urxente dunha Conferencia Sectorial de Vivenda e Solo, petición á que se sumou hoxe o Observatorio da Vivenda de Galicia e que aínda segue sen recibir resposta a pesar, como sinalou a conselleira, da necesidade de “claridade e transparencia” que require un asunto de “tanta transcendencia” como é a vivenda.

Por último, Vázquez Mejuto comprometeuse a trasladar durante esa reunión e en nome tamén do Observatorio da Vivenda de Galicia un documento que recolla as conclusións, achegas e inquedanzas compartidas hoxe entre todos os seus membros coa intención de que o Goberno central coñeza as súas obxeccións e rectifique naqueles aspectos máis preocupantes e desincentivadores. E engadiu que, cando haxa un texto definitivo, a Xunta estudará as posibles accións a adoptar en defensa dos intereses da Comunidade.

Fonte.- Xunta