A Xunta reforza o seu compromiso con Ferrol ao destinar preto de 22 millóns á ampliación do Hospital e á rehabilitación de vivendas

A Xunta reforza o seu compromiso con Ferrol ao destinar preto de 22 millóns á ampliación do Hospital e á rehabilitación de vivendas

- A Cidade de Ferrol beneficiarase por terceira vez consecutiva do Programa Rexurbe, posto en marcha polo Goberno galego en 2018, polo que na Cidade naval xa se ten comprometido un investimento de 8 millóns de euros

- A provincia da Coruña absorbe dous terzos dos orzamento total do Programa Rexurbe para o ano 2020 (8M€), que nesta nova convocatoria se amplía ao Concello da Coruña

- Ángeles Vázquez avanza que este mesmo ano se publicará o concurso de venta de solo residencial no Bertón, propiedade de Xestur, para facilitar a construción de vivenda protexida

- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destaca que o fomento da rehabilitación e da construción de vivenda protexida son dúas pedras angulares dos orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano, que se eleva a 327 millóns de euros

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá que o Goberno galego reforza o seu compromiso coa Cidade de Ferrol ao reservar nas contas para o ano 2020 preto de 22 millóns de euros, que permitirán ampliar o Hospital e dar un impulso á rehabilitación de vivendas neste Concello.

Ángeles Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro Tato, mantivo esta mañá un encontro sectorial con empresarios da Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (APECCO) e da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), aos que presentou as cifras da Xunta e do seu departamento para o vindeiro ano.

A conselleira salientou que o Goberno galego deu conta na reunión do Consello da Xunta, celebrado onte, dos orzamentos para 2020, que inclúen o maior gasto social da historia, menos impostos e novos recursos para facer máis competitiva e innovadora a economía.

Nestas contas destacan as obras da primeira fase da ampliación e mellora do Complexo Hospitalario de Ferrol, para as que se prevén 17 millóns euros, e nas que colaboran a Axencia Galega de Infraestruturas e a Consellería de Sanidade. Nese sentido, Vázquez Mejuto afirmou que son unha contas que buscan dar resposta ás necesidades dos veciños, por iso o departamento que dirixe aposta por seguir impulsando a rehabilitación e recuperación do casco vello desta cidade, grazas aos 2,24 millóns que se reservarán no Programa Rexurbe, do que se beneficia por terceira vez consecutiva; o que se traduce nun investimento global de 8 millóns de euros. “A mesma cifra que se destinará na convocatoria de 2020 a programa, e que a provincia da Coruña absorbe dous terzos”, concretou.

A modo de exemplo citou o inmoble de Argüelles 1 -no que xa se deron todos os pasos para que a empresa adxudicataria inicie as obras de rehabilitación-, no que se habilitarán dúas vivendas e un local e que é unha mostra dos obxectivos que persegue a Xunta de Galicia con este programa concreto en materia de rehabilitación, ao que se suma á posibilidade de declarar unha Área Rexurbe, figura recollida na primeira Lei de rehabilitación de Galicia. “Así, se o Concello se quixese sumar a esta nova iniciativa de rehabilitación, sería unha boa noticia” e engadiu que contaría co apoio do seu departamento, xa que as áreas Rexurbe, ademais de recuperar o patrimonio e arquitectura da cidade, revitalizará a vida nos espazos públicos e será unha oportunidade para o sector da construción ao contar cun programa máis de fomento das actuacións de rehabilitación e, polo tanto, de emprego para o sector.

Unha das primeiras accións en materia de rehabilitación posta en marcha foi o programa das Áreas de Rehabilitación Integral. En Ferrol, ademais de formar parte dunha das rutas do Camiño de Santiago, hai catro ARIs declaradas, para as que se mobilizaron máis de 7,5 millóns de euros e avanzou que ao longo de 2020 se formalizará a nova convocatoria deste programa de axudas, ao que se destina un orzamento de 6,5 millóns de euros para a totalidade de áreas declaradas en Galicia e das que se poderá beneficiar as catro áreas da Cidade departamental.

A conselleira salientou que tamén se prevén mecanismos para facilitar vivenda de nova planta. Así, adiantou que este mesmo ano se convocará un concurso de venta de solo urbanizado no Bertón, propiedade de Xestur, co obxectivo de que os promotores interesados poidan executar vivenda protexida nas grandes cidades, que é onde se rexistra unha maior demanda.

A Xunta comprometida con Ferrol
A conselleira de Medio Ambiente estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Coruña quen resumiu outros proxectos do Goberno galego para revitalizar e dar resposta ás necesidades de Cidade de Ferrol.

En materia social e sanitaria, destaca a partida da Consellería de Sanidade de 3,6 millóns para continuar a execución das obras do novo centro de saúde de Narón e case un millón para as reformas de eficiencia enerxética (cambio ventanais e reforma de plantas) da Residencia de Maiores de Caranza, dependente da Consellería de Política Social.

Augas de Galicia ten orzamentadas nas súas contas 3 millóns de euros para as obras de saneamento da Malata, que permitirán deixar practicamente culminado o saneamento de Ferrol.

Por último, o orzamento do Goberno galego está deseñado para afrontar con éxito a preparación do Xacobeo 2021, onde Ferrol ten un papel importante pois -xunto coa Coruña- é punto de partida do Camiño Inglés, un itinerario que contará cun plan de mantemento específico dotado con preto de 900.000 euros para garantir un estado óptimo de cara a esta vindeira cita cultural.

Fonte.- Xunta de Galicia